parlamento galego

BNG alerta do incremento da avespa velutina e reclama medidas de control, retirada dos niños e clarificar o servizo responsable para atender as demandas

Carme Aira
Carme Aira
Carme Aira insistiu na gravidade do aumento da especie con 11.000 notificacións no mes de xullo e 14.000 en agosto e un  gran número de ataques ás persoas e niños pendurados aínda  sen retirar

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno,  a portavoz de Desenvolvemento Rural do BNG, Carme Aira reclamou medidas urxentes contra as consecuencias da  avespa velutina, unha especie invasora que incrementou de “maneira alarmante” a súa poboación nos últimos tempos e que  está a crear graves problemas para a saúde das persoas e doutras especies.

A nacionalista lembrou que este verán producíronse no mes de xullo, 11.000 notificacións e 14.000 no mes de agosto cun gran número de ataques ás persoas.

Na súa opinión, a  consellería debe liderar  “unha loita integral” contra esta especie e determinar que servizo ten responsabilidade para atender as demandas xa que na actualidade é necesario revisar ou modificar a coordinación entre os distintos actores, protocolos  para a retirada de niños e  clarificar o servizo responsable desta función así como facilitar todas os medios necesarios porque “ non pode ser que SEAGA resolva un aviso, dicindo que o aviso foi pechado por ser inaccesible ou inalcanzable cos medios dispoñibles e rematando a incidencia  cun  grazas pola súa colaboración”.

Este verán, reiterou a deputada, foron  11.000 notificacións en xullo e 14.000 en agosto que “non se resolveron no tempo adecuado”.

Aira explicou que hai 10 anos que a vespa Velutina chegou a Galiza  e comezou a depredar ás abellas autóctonas, poñendo en risco a  polinización para posteriormente pasar a atacar ás persoas e “a Xunta  puxo en funcionamento mecanismos que ata o de agora non deron resultados”.

Este verán a situación agravouse, e a Xunta  chegou a ter “miles de niños sen retirar”,  que afectaron a centos de familias nas zonas urbanas e no rural tivemos que lamentar a morte dun  apicultor no concello de Melón en Ourense, e outra persoa  hospitaliza en Compostela atacada pola velutina.

Por outra banda, o  cambio climático favorece a adaptación de especies invasoras como a nova avespa Mandarina, “moito máis letal”.

Dá a impresión, dixo a deputada,   que a avespa velutina pode ser unha oportunidade  contra futuras invasións pero o Goberno da Xunta despois de que esta avespa aparecera no 2013 no país, “segue sen combatela”. A velutina prexudica a fauna autóctona, polinizadora e beneficiosa para as colleitas ao que sumou os graves problemas que causa á poboación.

Tras a resposta do vicepresidente1º, Diego Calvo  que considerou efectiva a campaña da Xunta contra a velutina,  a nacionalista replicou que o Goberno galego permanece  “insensible” aos danos  e  á alarma social  polo incremento masivo da especie e lamentou que  Calvo non avanzara  medidas,  a pesar  de que hai máis de un mes que existe un niño pendurado  nun edificio residencial de   Fingoi en Lugo, outro no   Círculo das Artes, próximo ao  colexio, en Vilar de Barrio e  14 niños notificados e sen  retirar, no Camiño de Santiago.

A nacionalista insistiu que resulta urxente aplicar  medidas contra esta especie invasora comezando pola coordinación entre os distintos actores, protocolos de retirada  e medios para efectivizala.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG