A viceportavoz primeira no Parlamento, Olalla Rodil, anunciou que o BNG vén de reclamar formalmente a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que explique aos galegos e as galegas por que “prefire pagarlles aos bancos que investir en sanidade”, renunciando á defensa dos intereses do País polo seu “servilismo” á estratexia que lle marcan Feijóo e Ayuso dende Madrid.
“É escandaloso que Rueda poña por diante a estratexia partidista e electoralista do PP, antes que os intereses das galegas e os galegos”, asegurou Rodil en alusión á renuncia de Rueda á quita da débeda que o BNG acordou no pacto de investidura. Unha débeda, subliñou que malia os recortes en sanidade o PP triplicou até acadar os 14.297 millóns de euros, o terceiro maior gasto de todo o orzamento.
Ademais, o gasto vai ser aínda maior do previsto, subliñou a deputada nacionalista, aludindo ao informe recentemente publicado por Fedea, fundación vinculada ao Banco de España, que “bota por terra” as proxeccións feitas polo PP nos Orzamentos deste ano. Segundo dito informe, Galiza vai pagar só en xuros 120 millóns de euros máis do que pensaba a Xunta, un 64 % máis, até os 308 millóns de euros. En total, o gasto da débeda será neste 2024 de 1.631 millóns de euros.
O BNG, engadiu Rodil, conseguiu negociar unha quita desa débeda que agora o PP “di que non quere”. Como se a pagase do seu peto!, proclamou, lembrando que é precisamente do peto dos galegos e das galegas de onde saen os cartos para pagarlles aos bancos.
“O servilismo do PP sáelles carísimo as galegas e os galegos”, sinalou Olalla Rodil, acusando a Rueda de actuar en contra dos intereses do País, negándose a exercer de presidente da Xunta coa súa renuncia a negociar un sistema de financiamento xusto que permita a Galiza ter a chave dos seus cartos.
Subliñou, neste punto, que segundo os datos do Consello de Contas, Galiza perde cada ano mil millóns de euros polo sistema de financiamento que asinou o PP en 2009. “O resultado de tratar a Galiza coma se fose igual que Madrid, que Cataluña ou que Andalucía, como defende o PP, está asfixiando os servizos públicos de Galiza”, apuntou, lembrando que a cifra total do que perdeu o País ronda os 14.000 M€.
Rodil emprazou así a Rueda a explicarlles as galegas e os galegos “como pode un presidente da Xunta negarse a falar co Estado sobre unha cuestión -o sistema de financiamento- que é central para o presente e para o futuro de Galiza e dos seus servizos públicos”. “Como pode ir (á reunión en Moncloa) cun papel asinado por sete comunidades autónomas como se a realidade galega tivese algo que ver coa de Murcia?, preguntouse, concluíndo neste punto que “tratar igual o que é diferente só xenera desigualdade e inxustiza”.