Parlamento Galego

Montse Prado acusa á Xunta de crear un “relato fraudulento” sobre o número de profesionais que realiza o rastrexo da COVID19

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado reprocha ao Goberno galego que desvele agora que só hai 700 rastrexadores e rastrexadoras cando anunciara inicialmente 6.000

A deputada Montse Prado acusou á Xunta no Parlamento galego de crear “un relato fraudulento” sobre o sistema de rastrexo da COVID19, logo de que anunciara inicialmente 6.000 profesionais dedicados a este labor cando o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feixóo, desvelou hoxe na Cámara que as e os rastrexadores directos só ascendían a 700, aos que sumou os 5.600 profesionais sanitarios da Atención Primaria.

“Cal é a realidade? -preguntou- a realidade é que primaron a creación dun relato falso sobre a realidade; o relato falso de que en Galiza hai máis rastrexadores que en ningún lado””. Para a deputada nacionalista é o propio presidente da Xunta quen xera “alarma social” ao facilitar “un día unha información e outro outra”.

Nunha pregunta parlamentaria dirixida ao titular de Sanidade, Julio García Comesaña, Prado cuestionou a veracidade dos datos facilitados ao asegurar que “de 6.000 rastrexadores pasamos a que vostede se negara a dar ningún dato e hoxe pola mañá o presidente do Goberno galego volveu dar un número redondo: 700”. “Hoxe pola tarde, cantos rastrexadores hai en Galiza, señor conselleiro?”, recalcou.

A deputada nacionalista reclamou ao Executivo galego que aclare con exactitude e rigorosidade o número de rastrexadores e rastrexadoras dos que dispón e que articule un “sistema de rastrexo eficiente”, segundo subliñou, “con persoal suficiente e dotado de protocolos claros e cun criterio unificado”.

Logo de pedir transparencia nun ámbito tan sensible como o sanitario, Prado demandou ao conselleiro que abandone “a propaganda, a improvisación e os comportamentos erráticos” e asuma responsabilidades. “Poña en marcha medidas para reforzar a sanidade pública, especialmente a Atención Primaria, empezando polo aumento de persoal e orzamento”, concluíu.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG