BNG acusa ao PP de “trato de favor” ao sector do xogo

Iria Carreira
Iria Carreira

Iria Carreira criticou o proxecto de lei que busca beneficiar ás empresas “amigas do PP” e insistiu en que non impide o acceso ás maquinas de apostas na restauración ou próximas aos centros de ensino

Afirma que non atende a prevención e tratamento das ludopatías  nin asume as suxerencias da propia consellería de Sanidade nesta materia

A parlamentaria do BNG, Iria Carreira cualificou a nova regulación do xogo do PP de proxecto “pouco ambicioso” e de non abordar o impacto directo que provoca sobre a saúde das persoas e concretamente sobre a mocidade.

Neste sentido, defendeu unha emenda de devolución do anteproxecto ante a necesidade de actualizar a regulación do xogo en Galiza e apuntou que “imos tarde” e operando cunha lei do ano 85 que non se adaptou  aos cambios durante catro décadas. A nacionalista  acusou ao Partido popular de “trato de favor “ a persoas a fins e empresas do sector  cunha nova lei que non protexe á sociedade do impacto negativo, sobre todo na mocidade.

O texto que defende hoxe o PP, afirmou Carreira, “non é equiparable a outras actividades económicas” a pesar da súa importancia na fiscalidade. É necesario, dixo, focalizar esta actividade no  impacto directo sobre a saúde das persoas e de maneira crecente  na mocidade. A enquisa EDADES, explicou, reflicte que  que máis da metade da poboación entre os 15 e os 64 anos apostou diñeiro no último ano, maioritariamente en xogos de lotería convencional e instantánea. A enquisa ESTUDES indica tamén que o xogo presencial ten unha prevalecía do 17 % entre o estudantado de 14 a 18 anos, menores de idade

No ano 2020, un 1,6% da poboación de 15 a 64 anos estaría enmarcada xa na categoría de xogo problemático e o 0,6% atoparíase ante un posible trastorno do xogo. O 3,4% do alumnado de 14 a 18 anos serían candidatos a presentar un posible xogo problemático e se atendemos ao noso País, os datos son similares.

“Estamos ante un problema gravísimo” que causa empobrecemento, perda de saúde mental, baixada do rendemento académico e condutas e trastornos de adicción que  “se ceba ademais coas persoas máis desfavorecidas”.

Unha nova lei  que beneficia aos amigos do PP no sector do xogo

Ademais, recalcou a nacionalista,  o Partido popular mantén “múltiples afinidades” co sector que mesmo foi “gabado publicamente” en diversas ocasións polo Presidente da Xunta”.

Xa temos falado do “trato de favor” que se lle deu en materia fiscal durante os anos da pandemia, permitíndolle a diminución dos tributos de casinos, bingos e máquinas de xogo e azar ou cunhas restricións máis laxas que as que se mantiñan sobre locais de hostalaría. Trato de favor que se mantén a día de hoxe. O artigo 7 da lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña ao proxecto de orzamentos para o 2023,  aínda está en tramitación nesta cámara e  contempla manter un gravame inferior para o bingo presencial.

Van tres anos nos que a lei de acompañamento contempla algún tipo de mellora dos gravames do sector do xogo. Tres anos nos que o goberno da Xunta de Galiza deixa de ingresar unha importante cantidade de diñeiro, dun sector cunha importante pegada sobre a sociedade, e cun “trato de favor”, remarcou Carreira,  fronte a outros sectores económicos. Una nova mostra máis de que “o goberno do Partido Popular está máis preocupado por gobernar para os seus amigos, reducindo os impostos dos que máis teñen e  de empresas afins, que do benestar da maioría”.

Por outra banda, o proxecto tampouco inclúe medidas  sobre a prevención, cuestión sobre a que se manifestou a propia Consellería de Sanidade propoñendo actividades preventivas e asistencia   ás persoas con problemas de xogo.

Este proxecto de lei non conta coas alegacións das Anpas galegas nin co CES,  non atende os requirimentos da Consellería de Sanidade e s deixa á marxe as suxestións e demandas realizadas por asociacións de pacientes, persoas expertas na materia,  ANPAS galega e persoas expertas na materia.

A emenda de devolución do texto  defendida pola deputada do BNG, Iria Carreira para   modificar o proxecto de lei do xogo e buscar a súa actualización e protección da sociedade ante o impacto desta actividade foi rexeitada polo Partido popular.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG