BNG acertou non apoiando a Martínez e pide retomar as negociacións sobre as deputacións canto antes

Goretti Sanmartín, secretaria de Política Municipal

O BNG considera que o resultado da votación no Pleno da Deputación de Lugo confirma, “lamentablemente”, que tiña razón cando comunicou que o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, non era a persoa adecuada para presidir a institución, nun tempo en que a cidadanía esixe máxima exemplaridade dos cargos públicos.

Goretti Sanmartín, secretaria de Política Municipal

“Non só era un candidato imputado senón que demostrou ser unha persoa capaz de antepoñer os seus intereses e ambición persoal aos da súa propia organización política e aos da propia institución provincial. É evidente, que o resultado do Plenario demostra que o señor Martínez non era a persoa acaida para presidir esa institución”, valorou a secretaria de Política Municipal, Goretti Sanmartin, nunha comparecencia de urxencia ante os medios.

A formación nacionalista salienta que o sucedido en Lugo “é xusto o contrario do que defende o Bloque para as deputacións”, que deben estar nas antípodas “da loita polos cargos, do presidencialismo, das decisións unilaterais”, recalcou Sanmartín. Fronte a iso, “o BNG reafirmase no diálogo, na negociación e no consenso”.

“O modelo do Bloque Nacionalista Galego para as deputacións, - no camiño cara a súa desaparición-, é o da transparencia, a radicalización democrática no seu funcionamento, acadar entidades ao servizo dos concellos que, hoxe máis ca nunca, entendemos deben, -concellos e Xunta de Galiza-, asumir os recursos e as competencias destas institucións”, argumentou a secretaria de Política Municipal.

Para o BNG, resulta politicamente moi elocuente o feito de que o PP non teña remorsos en acceder á Presidencia da Deputación de Lugo “co apoio dunha persoa que non é da súa organización, persoa capaz de poñer o seu protagonismo político e as súas ambicións persoais por diante de calquera outra consideración”.

Neste sentido, o BNG valora moi positivamente a responsabilidade política do PSOE ao dar unha alternativa á Presidencia da Deputación de Lugo libre de calquera imputación, feito que permitiu o apoio do BNG na votación no plenario da institución, ao tempo que se confía na capacidade do Partido Socialista para reconducir a situación a través das canles e órganos políticos que corresponda.

Nese suposto, o Bloque reitera a súa “total disposición” a favorecer un goberno alternativo ao PP na Deputación de Lugo en canto sexa posible, cun programa coherente ao servizo dos intereses de todos os concellos da provincia.

En todo caso, o BNG considera que é necesario retomar as negociacións para seguir avanzando no programa político e no modelo de deputacións para o futuro e insta ao PSOE. “Emprazamos ao Partido Socialista a reanudar ese proceso de negociacións o máis axiña posible, para poñernos a traballar de xeito inmediato a poder ser mañá mesmo, sentarse para consensuar un programa alternativo, no que o BNG confía e polo que traballará todo o que sexa necesario”, concluíu Sanmartín.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG