O BNG conseguiu a unanimidade da Cámara para demandar ao goberno do Estado un tren de cercanías para Galiza en 2023 que garanta unha comunicación de proximidade e un transporte público que contribúa á sostibilidade do medio ambiente.
O portavoz de Infraestruturas, Luís Bará, denunciou “as numerosas inconveniencias da actual liña en forma de saturación e retrasos, que é a máis empregada do País e a que está dotada coas mellores infraestruturas” e criticou que esta desatención do goberno central “supón un agravio para o País” que se suma á centralización da xestión ferroviaria “na cal a Xunta parece non querer participar”, o desmantelamento de infraestruturas e o illamento ferroviario de cidades como Ferrol ou Lugo.
“É unha demanda de xustiza”, remarcou o parlamentario do Bloque que incidiu na necesidade dunha liña de cercanías, sobre todo, para áreas como A Coruña-Ferrol, Vigo-Pontevedra ou Vilagarcía-Santiago, “que inexplicablemente quedan á marxe dun modelo que supón importantes beneficios sociais, económicos, ambientais e de conectividade”, argumentou.
O parlamentario nacionalista aproveitou a súa intervención para aparellar a esta demanda a esixencia de recuperar “os horarios perdidos durante a pandemia”, cuxa falta provoca “saturación dos trens e inconvenientes para os e as pasaxeiras” xa que xunto coa eliminación de varios servizos hai constancia “de numerosos retrasos dos trens, isto fai que a xente chegue tarde ao seu traballo ou aos seus centros de estudos”, recriminou.
Bará criticou a actitude do Goberno do PP que, se ben se sumou a esta demanda, “leva prometendo anos un tren de cercanías para Galiza, sen éxito” en alusión á promesa incumprida do Goberno Rajoy de traer o tren de proximidade para Galiza no 2012.