O BNG acada o apoio unánime da Cámara para protexer a Artesanía galega

Carme Adán

Carme Adán propuxo estabelecer beneficios fiscais para as persoas que desenvolven actividades artesanais e trasladar ao Goberno do Estado a súa equiparación co Réxime Especial Agrario ou do Mar a efectos de Seguridade Social

Carme Adán defende as medias de apoio á Aresanía galega

Pleno.- A deputada do BNG, Carme Adán amosou a súa satisfacción tras acadar o apoio unánime da Cámara galega a instar ao Goberno a impulsar medidas de protección e promoción da artesanía galega, establecer mecanismos de control contra o intrusismo profesional, preservar os Obradoiros Artesáns de prácticas industriais, beneficios fiscais para quen desenvolva as actividades artesanais e trasladar ao Goberno do Estado, “equiparar ás e os artesáns co Réxime Especial Agrario do Mar e Agrario a efectos de Seguridade Social”.

Carme Adán defendeu que a Artesanía é cultura, arte, industria e un oficio dende antigo que constitúe un sinal de identidade dos pobos. Ninguén dubida, dixo, que o encaixe de Camariñas ou a olería de Buño, é patrimonio do noso pobo, e un “reflexo da nosa identidade” que conleva unha fala, uns termos, uns conceptos e a transformación da materia coas mais “dese saber facer” que temos a obriga de legar a xeracións futuras.

Na actualidade existen 469 obradoiros de artesanía cun futuro”incerto” polas ameazas derivadas da crise económica e falta de apoio nas subvencións. O colectivo de artesáns, explicou, viven con preocupación o instrusismo apoiado na mecanización e con cuño de artesanía fronte o mencionado “saber facer” baseado en coñecementos tradicionais.

A parlamentaria denunciou que algúns puntos de venda ofrecen produtos de encaixe de Camariñas etiquetado como artesanía galega cando en realidade, están feitos en China con “técnicas láser”. O Goberno, dixo, debe ter maior capacidade para revisar este intrusismo en establecementos e feiras, porque para a artesanía resulta letal.

A maioría dos obradoiros contan cunha ou dúas persoas no fabrico de produtos que requiren moito tempo e na actual normativa non hai beneficios fiscais nin está revisado o réxime da Seguridade social por iso, recalcou, é tan importante que hoxe o Parlamento galego apoio estas medidas.

Adán agradeceu os grupos da Cámara o seu apoio para iniciar medidas efectivas nesta materia porque, ao seu xuízo, significa “un chanzo na defensa dun oficio gravemente ameazado.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG