O BNG acadou hoxe un acordo parlamentario para axilizar o calendario da ITV de vehículos agrícolas e realizar as xestións necesarias ante o goberno do Estado para prorrogar as inspeccións e asegurar que os tractores e maquinaria agrícola circulen dentro da legalidade, mentres agardan pola revisión.
Para o portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) que defendeu a proposición non de lei, aprobada hoxe no Parlamento galego, sería moi inxusto que calquera usuario ou usuaria de maquinaria agrícola, suxeita a revisión periódica “fose sancionado ou sancionada” por non pasar unha revisión durante o estado de alarma xa que a culpa, dixo o nacionalista, “é das unidades móbiles que van con retraso no seu calendario”. Dende a Delegación do goberno foi remitida unha normativa para prorrogar até o 10 de novembro o prazo sen avanzar a súa prorroga e recomendando solicitar cita para a ITV na estación máis próxima, a pesar dos inconvenientes de mover a maquinaria ben polos seus propios medios ou utilizando unha plataforma.
O deputado explicou que un gandeiro que conte cun remolque, tractor e cisterna debe facer tres ou catro viaxes para pasar a ITV pero si o percorrido e moi longo debe utilizar varias plataformas de aí a necesidade de buscar alternativas para que non incorran nunha ilegalidade xa que prazo para pasar a inspección caduca o vindeiro 10 de novembro de 2020.
Ante esta situación, o alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, remitiu unha comunicación á delegación do Goberno para solicitar unha prorroga, polo menos de dous meses para asegurar que a maquinaria agrícola poda circular legalmente até a súa revisión. A Delegación do goberno respondeu ao alcalde nacionalista que trasladaban a súa solicitude á Vicepresidencia da Xunta. Mentres “uns tiran a pelota a outros”, afirmou Mini, as ITVs caducan poñendo en risco a poboación e usuarios e usuarias de maquinaría agrícola.
En opinión do deputado, resulta “moi chamativo” que unha administración teña coñecemento desta situación grazas a misiva dun alcalde. “Precisamos ITVs móbiles porque en cada casa no medio rural hai maquinaría agrícola e tractores último modelo e tractores de cincuenta anos que continúan funcionando” e todos eles deben ser revisados.
A proposición non de lei defendida polo BNG foi aprobada cos votos do Partido popular e a abstención do PSOE.