O deputado do BNG, Daniel Castro defendeu hoxe unha proposición non de lei na Comisión de Industria para mellorar a dixitalización no rural.
O acordo que contou co apoio do Partido popular e a abstención do Partido socialista insta á Xunta de Galiza a dirixirse ao goberno do Estado para que estableza os mecanismos económicos e legais para que a Galiza rural exista unha cobertura de TDT, de conexión móbil e de conexión a internet con banda ancha que non estableza diferenzas entre as persoas, empresas ou particulares polo lugar no que vivan, máxime cando haberá fondos europeos para o período 2021-2027 que permitirán este impulso. Ademais, o acordo inclúe que o Parlamento inste á Xunta de Galiza a impulsar os mecanismos, en colaboración co goberno do Estado e non deixar a Galiza atrás no reparto dos fondos europeos e na súa aplicación no rural.
Na defensa da proposta do BNG, o nacionalista insistiu na necesidade de implementar a dixitalización nos territorios para fomentar as relacións, tanto sociais como profesionais e económicas e no caso de Galiza, a dispersión xeográfica, a orogragía, as distancias entre grandes grupos de poboación fan urxente mellorar as conexións e cobertura.
Para fixar poboación no rural, engadiu Daniel Castro, deben primar políticas que fomenten os negocios, a distribución dos produtos e que “poidan gozar dunha velocidade na navegación” igual ou semellante ás das vilas e cidades. “O rural necesita canles de comunicación físicas pero tamén precisa de canles dixitais” recalcou o nacionalista.
O deputado lembrou que a pandemia provocou a eliminación dun gran número de postos de traballo en todos os sectores e visibilizou os problemas que xa existían antes. Neste sentido, referiuse “a fenda tecnolóxica” que imposibilita a moitos rapaces e rapazas contar cos mesmos dereitos educativos segundo o lugar no que residan. O nacionalista explicou que ante a nova realidade, Europa está a traballar pola “Digital Transformation á que ten previsto destinar 9.200 millóns de euros. Esta cantidade está “teoricamente” orientada a transformar a sociedade e a economía en Europa cara á dixitalización. De igual maneira tamén se está a falar de 3.000 millóns de € para financiar a infraestrutura da conectividade dixital, aseverou.
Galiza non pode quedar fóra do reparto de fondos europeos
Partindo de que para poder levar a cabo políticas de dixitalización hai que ter algo para dixitalizar ,persoas , escolas, empresas, tecido produtivo no rural está claro, que “Galiza non pode quedar fóra” e Galiza nos fondos europeos, ten que ter “unha posición forte, unha posición de país para recibir os fondos necesarios, que por desgraza, ao partirmos de tan atrás é moito, e sobre todo se falamos da dixitalización do noso rural”.
Dani Castro aludiu ao uso de Internet nos últimos tres meses e aínda que pareza parecer anecdótico, evidencia que en Galiza a descompensación no tocante ao acceso e emprego da internet é claramente “alarmante”. Galiza é o territorio do Estado español que peores datos presenta no uso de internet, o 87,4% da poboación galega de entre 16 e 74 anos usou internet nos últimos tres meses, case seis puntos menos que a media de territorios do Estado español (93,2%), sendo ademais o “único que non supera a barreira do 90% segundo os datos do INE”, concluíu.