O BNG abre as portas do Parlamento galego á Cidadanía galega

O Grupo parlamentario do BNG organiza un encontro aberto con diversos colectivos sociais baixo o lema: "Parlamento aberto, ideas para a Galiza que queremos"

Jorquera e Pontón presentan a xornada do vindeiro sábado no Parlamento

 O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera e a deputada, Ana Pontón presentaron hoxe, en sede parlamentar, a xornada organizadas polo grupo nacionalista que se celebrará no Parlamento galego durante a mañá do vindeiro sábado, día 19 baixo o lema: “Parlamento aberto: Ideas para a Galiza que queremos”.

O BNG abre as portas do Parlamento acuartelado polo PP

A xornada, dixo Jorquera é unha continuación da experiencia do pleno alternativo organizado polo BNG fora das instalacións do Parlamento baixo o título: “O Parlamento é o pobo” como protesta polos recortes dos dereitos parlamentares e para voz aos sectores do tecido social galego.

Jorquera insistiu en que son estas experiencias as que abren as portas do Parlamento fronte ás medidas do Partido popular que goberna a institución e pouco menos quere que retorne ao seu fin orixinal, “acuartelar” o Parlamento porque moléstalle calquera foro no que teña que escoitar opinións criticas e políticas alternativas.

O BNG da voz no Parlamento á sociedade galega

Con esta xornada, engadiu, pretendemos que diversos colectivos sociais “nos acheguen a súa visión sobre os problemas reais do país” e trasladar as súas propostas ao “Debate sobre o Estado da nosa Nación” que se celebrará nun contexto político especialmente relevante. Neste sentido,lembrou que terá lugar tras as eleccións cataláns e as portas dunhas eleccións xerais.2

Sobre as eleccións cataláns , Jorquera dixo que nin sequera os máis recalcitrantes se atreven a discutir que marcarán un antes e un despois e forzarán a revisión do modelo de Estado e das nacións que o integra e por outro lado, as eleccións xerais, sexa cal sexa o resultado, conformará un Congreso sen maiorías absolutas.

O parlamentario remarcou que o Debate do Estado da Nación será moi relevante en clave interna galega por mor da grave crise demográfica, a emigración xuvenil, o desmantelamento dos sectores básicos e a situación agravada dun goberno “dimisionario das súas responsabilidades” que carece de axenda e convertido “nunha vulgar franquicia do Goberno Rajoy”.

Fin dunha etapa negra en Galiza, “período Feijóo”

Jorquera lembrou que na sesión plenaria celebrada onte, Feijóo dedicou o seu tempo a falar de Cataluña porque sobre o sector leiteiro non ten propostas e chegou mesmo a acusar aos gandeiros de facer política coas mobilizacións. “ O Goberno galego está esgotado, carente de impulso”, estamos ante o fin dunha etapa negra, “o período Feijóo”, afirmou.3

O deputado anunciou que o BNG enfatizará no Debate os retos ante a nova etapa que se aveciña, convencidos,dixo, de vivir nun país con enormes potencialidades e con políticas propias, por iso escoitaremos este sábado á sociedade na xornada: Parlamento aberto, ideas para a Galiza que queremos.

Páxina web, bng.gal/parlamentoaberto

Pola súa parte, a deputada, Ana Pontón explicou que con esta iniciativa o grupo parlamentar do BNG inicia a preparación do Debate do Estado da Nación e salientou que este será o “último de debate de Feijóo como Presidente da Xunta”. Nós, manifestou, cremos importante abrir o Parlamento á participación social e contar con todos os colectivos, entidades e persoas que loitan contra os recortes e dereitos que se produciron ao longo desta lexislatura e que se están a recrudecer nos últimos tempos.

A xornada da mañá do sábado 19 principiará cun primeiro debate sobre a situación política de Galiza para continuar con catro grupos de debate que abordarán a soberanía, democracia e loita contra a corrupción, xestión pública e dereitos sociais, un novo modelo produtivo e ordenación do territorio e un último grupo que analizará o papel da cultura e proxección exterior de Galiza.

Páxina web, bng.gal/parlamentoaberto para consultar o programa da xornada e as conclusións así como a participación de todas aquelas persoas que desexen facer achegas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG