- A primeira xornada: “Por unha nova política do Monte” será o inicio de posteriores encontros para abordar temáticas sociais e económicas con propostas e alternativas que o grupo parlamentar do BNG trasladará ao hemiciclo para o seu debate
Os deputados do BNG, Luís Bará e Xosé Luís Rivas (Mini) presentaron hoxe a xornada, “Por unha nova política para o monte galego” que o BNG celebrará o sábado día 13 no Parlamento galego aberto a persoas expertas no sector e co obxectivo de recoller as demandas e propostas destinadas a poñer en valor o noso monte.
Para o BNG, o Parlamento galego debe abrirse e implicarse coa sociedade e neste sentido os deputados nacionalistas anunciaron que a longo do período lexislativo celebrarán diversas xornadas de “portas abertas” sobre temáticas sociais e económicas.
O deputado Luís Bará manifestou que a iniciativa do grupo parlamentario do BNG denominada “Parlamento aberto” buscará o contacto con axentes sociais para recoller as diferentes demandas de diversos sectores e trasladalas despois á Cámara. O parlamento, dixo, “está moi encorsetado”. Queremos un Parlamento que mire para fora e coñeza o pulso e as preocupacións da xente, ese é o espírito das xornadas que imos iniciar.
Bará explicou que o sábado día 13 varios expertos e expertas analizarán a situación e dificultades do monte galego nas súas diversas vertentes. A profesora da Área de economía e política agraria da USC, Mar Pérez Fra abordará a xestión do monte e desenvolvemento rural, o profesor do Centro de formación de Guísamo, Xosé Antonio Meixide avanzará en propostas de ordenación do monte e a ex-deputada do BNG, Tereixa Paz incidirá na necesaria prevención e extinción de incendios. Por outra parte, a xornada acollerá unha mesa redonda de experiencias e boas prácticas na que partiparán: Santiago Suárez, membro da mancomunidade de Montes do Barbanza, Xosé Alfredo Pereira de montes en man común de Santa Cristina e Carmen Boente da Comunidade de Montes de Xinzo (Ponteareas) que analizarán entre outras cuestións, o silvopastoreo, a diversificación produtiva do monte e a experiencia de planta de biomasa na parroquia de Xinzo. Tralas intervencións dos expertos e expertas, intervirá a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
O deputado Xosé Luís Rivas manifestou que o medio rural é “o grande esquecido e abandonado” na axenda política do goberno a pesar das súas “enormes potencialidades”. En concreto, dixo, dende o BNG queremos falar do monte e non só no seu aspecto forestal, queremos alternativas ao monocultivo do eucalipto que non é máis que o cultivo dunha “infromadeira”. Ademais defenderemos outras propostas e alternativas ao problema demográfico, o monte como motor económico e sobre todo, presentar experiencias como “alicerces para unha nova visión do mundo rural”.
O Parlamento, engadiu, que as xornadas organizadas polo BNG deben ser “unha experiencia viva” para debater e buscar propostas reais a temas de actualidade como o abandono do monte ou a aucaliptización do noso país. Nesta liña denunciou que nos últimos oito anos a superficie do eucalipto aumentou en 12.000 hectáreas ano e foi a costa das terras agrarias.
Inscricións no 981551545.