A Banca Pública si é "actual" e "occidental"

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, diante das declaracións feitas hoxe por Núñez Feijóo logo do Consello da Xunta nas que descualificaba a proposta do BNG de crear unha Banca Pública Galega, replicou que os asesores do presidente deben informalo mellor.

“Feijóo di que a banca pública nin é actual nin é occidental -engade- mais hai banca pública até nos Estados Unidos, que creo que non están en Oriente, e na mesmísima Alemaña da señora Merkel hai máis de 400 bancos públicos, os bancos dos lánders, que constitúen o grupo financeiro líder do país tanto na captación de depósitos como na concesión de créditos”.

Para o candidato nacionalista, non é de recibo, ademais, que o presidente da Xunta se limite a descualificar a proposta do BNG pero sen pór ningunha alternativa sobre a mesa.

Un presidente ten de liderar o País. Non se pode limitar a comentar o que fan ou din os demais

Neste sentido, advertiu que un presidente ten de liderar o País. Non se pode limitar a comentar o que fan ou din os demais. "El non é un analista da actualidade. É o xefe do Executivo galego”, di Jorquera, para quen resulta “cínico” que o presidente da Xunta diga agora que non ten competencias sobre o sistema financeiro galego. “Non as ten porque el asinou a bancarización da caixa resultante da fusión. Foi el quen renunciou a telas. E renunciou a telas porque non acredita nas potencialidades do noso autogoberno”.

Jorquera, a través dunha nota de prensa, tamén cuestionou que Feijóo pida para Novagaliciabanco o mesmo trato que vai recibir Bankia, pois é tanto como “comprar todos os números” para que o aforro galego se privatice a prezo de saldo.

“A nacionalización de Bankia vai ser unha estafa para os contribuíntes. Aquí o que se vai facer é sanear o banco con cartos públicos para logo devolvelo ao sector privado a prezos irrisorios. Un negocio ruinoso para a Facenda pública e un regalo para os tiburóns financeiros”, analisa Jorquera, para quen “se Novagaliciabanco recibise o mesmo trato de Bankia por parte do Estado, tal e como pide Feijóo, entón estaríamos entregando o aforro galego a prezo de saldo”.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG