Aprobada a proposta do BNG para excluír as cotas de capturas accidentais da flota costeira artesanal

Montse Prado
Montse Prado

A proposta incluía reclamar a exención da obriga de desembarque e un tratamento distinto da xestión  da pesca  artesanal, con respecto ás frotas industrial e semi-industrial.

A portavoz de Pesca do BNG, Montse Prado defendeu hoxe unha proposición non de lei que recollía  a proposta da Federación Provincial de Pontevedra  e o Comité executivo da Federación Galega de Confrarías para consensuar as medidas de exclusión das capturas accesorias ou accidentais da flota costeira artesanal, dos sistema de TACs e cotas, dada a súa multiespecificidade e, polo tanto, o seu escaso impacto no estado dos recursos mariños. Requirir un tratamento distinto e diferenciado da xestión das posibilidades de pesca da frota artesanal con respecto ás frotas industrial e/ou semi-industrial e continuar reclamando que a pesca costeira artesanal quede exenta da obriga de desembarque.

Na defensa da proposición non de lei, aprobada por unanimidade na comisión de Pesca celebrada hoxe no Parlamento galego, a deputada nacionalista, destacou  que “as cotas de miseria só producen miseria” e neste sentido, recalcou, que a flota galega vive unha situación de “inxustiza” polo actual sistema de reparto de TACs e cotas  para a frota costeira.

A parlamentaria culpabilizou a Unión europea,  Estado español e  Goberno galego  da incompatibilidade entre “a actividade pesqueira  e  ingresos dignos por desenvolver esa actividade”. Para a deputada, o acordo acadado hoxe supón un paso adiante para que a Xunta faga agora, “o que non fixo a tempo”.

Por outra banda, defendeu  unha “exención completa das cotas” e explicou que esta medida só  depende da “vontade política”, non do recurso. Prado  mostrou a súa satisfacción por un acordo que recolle as demandas do sector e das que o BNG, dixo,  se fixo eco para a súa defensa e aprobación no Parlamento galego.

Na súa intervención,  denunciou a “indefensión” do sector galego, por parte de gobernos que non o consideran prioritario á hora de negociar e advertiu que a Política pesqueira europea non está   pensada nin adaptada á realidade da pesca artesanal porque na  UE, criticou,  “só escoitan e teñen en conta as demandas dos grandes lobbies pesqueiros”. Sen dúbida, dvertiu, haberá problemas e corremos o risco de que a  pesca artesanal quede desmantelada a pesar de tratarse dunha actividade,  “sostíbel, sustentábel, respectuosa co  medio mariño e  da emprego directo  a 9.000 persoas”.

As embarcacións de pesca costeira artesanal son de pequeno porte, utilizan artes e aparellos de pesca altamente selectivos, desenvolven a súa actividade pesqueira de forma tradicional, sostíbel, cun baixo volume de capturas de especies moi diversas e de gran calidade, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG