Francisco Jorquera lembrou que o 9 de abril de 2015 foi aprobado por unanimidade instar á Xunta de Galiza a demandar a reforma do actual modelo de financiamento local co fin de proporcionar máis recursos aos concellos, adoptar criterios de dispersión e envellecemento da poboación par ao reparto de ingresos do Estado e que sexa a Xunta quen reparta os fondos entre os concellos.
O portavoz parlamentario do BNG do BNG, Francisco Jorquera defendeu hoxe unha proposición non de lei co fin de instar á Xunta a cumprir o acordo aprobado por unanimidade no Parlamento galego sobre financiamento local o pasado 9 de abril de 2015, proposición que foi aprobada por unanimidade.
O acordo contemplaba proporcionar máis recursos aos concellos galegos, adoptar criterios de dispersión e envellecemento da poboación para o reparto da participación nos ingresos do Estado (PIE) por se tratar de factores que repercuten de xeito determinante sobre o custe dos servizos que prestan os concellos galegos e transferir á Xunta a contía correspondente á PIE para que sexa a propia administración galega a que realice o reparto destes fondos entre os concellos.
Na súa intervención, Jorquera asegurou que a Xunta non realizou ningunha acción para dar cumprimento ao acordo polo que reclamou que o Parlamento inste á Xunta a cumprilo. Se hai un acordo, ademais aprobado por unanimidade, dixo, o deputado, debe ser executado.
Estamos, abondou, ante unha cuestión de país, igual que o financiamento autonómico e nesta Cámara xa temos instado á Xunta a esixir a revisión do actual sistema de financiamento autonómico, mesmo propuxemos crear unha comisión para intentar consensuar unha posición de país nesta materia.
Os concellos non poden agardar máis
O parlamentario aludiu ao recorte nos concellos de 10,6 M procedentes da participación do Estado, de 582,88 M pasan a 572,8, unha diminución que, ao seu xuízo, agrava as consecuencias dun modelo escandaloso e discriminatorio con Galiza. Segundo a FEGAP, dixo Jorquera, os concellos galegos deixaron de percibir 1.376 M dende que no ano 2004 comezou a aplicarse o actual modelo de participación nos ingresos do Estado.
O parlamentario destacou que no ano 2015 os concellos galegos percibiron 140 millóns de euros menos, situándoos á cola na participación nos ingresos do Estado.
É preciso reformar o modelo de financiamento local para non restar calidade nos servizos públicos
O actual sistema de financiamento local, afirmou , lastra o benestar dos veciños e veciñas e o gasto público por habitante das institucións locais galegas e ten unha incidencia directa na calidade dos servizos dos que disfrutan os nosos cidadáns.
Francisco Jorquera agradeceu o apoio dos grupos parlamentarios á iniciativa parlamentaria e concluíu anunciando ironicamente, agardo que non sexa necesario dentro duns meses volver a debater outra iniciativa na que se inste a Xunta a dar cumprimento ao acordo do 18 de febreiro de 2016 no que se instaba a Xunta a dar cumprimento do mesmo acordo do 9 de abril de 2015.