Ana Pontón: “O único concreto da reunión Feixóo-Ábalos foi a rebaixa das peaxes da AP-9 conseguida polo BNG”

Ana Pontón
Ana Pontón

Considera irrisorio que o presidente da Xunta se conforme cunha nova data de reunión e cun coordinador para as infraestruturas pendentes con Galiza

Reprocha que non reclamase ao Estado a condonación da débeda do Porto da Coruña, como en Valencia, pese a admitir que a situación é crítica

A portavoz nacional, Ana Pontón, lamenta a falta de resultados da reunión mantida entre o presidente da Xunta e o ministro de Fomento, José Luís Ábalos. Para a líder do BNG,  o mellor resumo desa falta de contidos é a propia nota de presa emitida polo Gabinete de Presidencia, na que se destaca a rebaixa das peaxes da AP-9 que nada ten a ver coa xestión do Executivo de Feixóo, senón que é un logro do BNG recollido no acordo de investidura co PSOE e que se traduce nunha partida orzamentaria de 55 M€.

“O único tema concreto é resultado da negociación do Bloque en defensa dos intereses de Galiza nun tema de tanta importancia como a redución de peaxes da principal vía por estrada”, indicou Pontón, “Feixóo nin sequera conseguiu do ministro que concretase a aplicación desas reducións máis aló de confirmarlle que será no primeiro semestre deste ano, cuestión coñecida e que criticamos por canto que o Goberno de Sánchez non está facendo esperar ao BNG senón aos galegos e as galegas”, indicou Pontón.

A líder nacionalista ironizou sobre o feito de que o presidente da Xunta “presuma” de que negociará con Ábalos a aplicación da rebaixa das peaxes conseguida polo BNG: “penso que é un retrato bastante clarificador de que foi un encontro con moita posta en escena pero sen resultados cando están pendentes infraestruturas vitais para o País”.

A líder nacionalista tamén fixo referencia ao chío no que o propio presidente da Xunta sintetiza o encontro: “resulta irrisorio que se mostre tan cheo cando basicamente o único concreto é unha nova data reunión en abril e  designar a un coordinador para as infraestruturas pendentes en Galiza”.

Pontón considera moi grave que Feixóo non reclamase ante Ábalos a condonación da débeda do Porto da Coruña por parte do Estado, igual que se fixo no caso de Valencia, “pese a admitir que o Porto coruñés está nunha situación económica crítica a medio prazo”, e que a conexión ferroviaria con Punta Langosteira siga a ser unha entelequia. Só se anunciou a licitación do estudo de propostas para a saída Sur de Vigo, que o propio ministro de Fomento atribuíu máis ao empeño do Goberno de Portugal que a méritos do Executivo galego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG