A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou que estamos ante un proxecto de orzamentos que, máis aló da propaganda, non son a folla de ruta que precisa Galiza cando persiste a crise de prezos e hai grandes retos encima da mesa.
“Non van reforzar os servizos públicos, non melloran a situación da atención primaria, afondan nun modelo privado que fai negocio coa vellez, non van facilitar a recuperación da industria, nin serven para impulsar a ciencia ou loitar contra o cambio climático. Tampouco van frear a emigración de xente moza, nin a perda de poboación. Son os orzamentos rutineiros dun goberno que está no tempo de desconto e que nada ten que ofrecer a este País”, sintetizou Pontón.
Á espera dunha análise en detalle, a líder do BNG contrastou os anuncios coas cifras orzamentarias. “O Goberno do PP presume de que son unhas contas sociais, pero a realidade é que atención primaria segue nunha situación de total raquitismo de tal xeito que, descontada a inflación, disporá no próximo ano de 335 millóns de euros menos que en 2009”.
En relación a débeda pública, Pontón ironizou sobre como o Executivo de Rueda bota man dun dos seus argumentos máis socorridos, “o de compararse con quen está peor”, para facer unha valoración positiva, pese a que triplicaron o endebedamento mentres recortaban en servizos públicos. “A realidade é que o pago da débeda pública aumenta un 71,5% no orzamento de 2024, 187 M€”.
Por contra, o investimento real apenas varía, 21 M€ nun orzamento de 13.257 millóns, nove veces menos que o que se gasta en pagar a débeda e moito menos que os 34 millóns de euros do agasallo fiscal aos grandes patrimonios do presente exercicio.
En relación ao publicitado apoio á ciencia, as cifras indican que o Plan galego de investigación e desenvolvemento aumenta un 0,5%. “Se aplicamos o IPC que está no 3% en realidade baixa ademais de ter en conta que se trata dunha partida que o PP nunca é capaz de executar. Ese é o apoio á ciencia deste goberno”, critica.
A líder do Bloque tamén subliñou que os orzamentos manteñen a habitual inxustiza fiscal que aplica o PP, de tal xeito que baixa os impostos a quen máis ten, restando ao erario público uns ingresos que son fundamentais para financiar os servizos básicos como sanidade, educación ou dependencia.
“O primeiro, pedirlle ao señor Rueda que deixe de lado o de impostos cero no rural, porque é mentira, máis aló do slogan, as persoas que viven no rural pagan impostos, alguén coñece unha persoa que non pague impostos no rural?”, interpelou. En canto as rebaixas fiscais, “se tes uns ingresos menores de 22.000 euros, -(base impoñible)-, o aforro é de 20€ ao ano, alguén pode pagar unha consulta médica ou de pediatría con 20 euros? Evidentemente non. Estou segura que os galegos e as galegas prefiren non ter ese desconto anual, que nada lles resolve, e a cambio ter un bo servizo de pediatría público utilizando todos os millóns que se deixan de ingresar”, indicou a modo de exemplo da política fiscal do PP.
A portavoz nacional foi especialmente crítica coa visión triunfalista do mercado laboral, “hai que ter valor para presumir da situación do emprego cando temos menos taxa de actividade e menos taxa de ocupación e iso, sumado á emigración masiva, é o que fai que descenda a taxa de paro, non porque se creen postos de traballo. Esta é a realidade por moito que este Goberno rebusque na serie histórica unha cifra que lle encaixe no seu relato”, denunciou.
O BNG aproveitará toda a tramitación parlamentaria para mellorar no posible os orzamentos de 2024.