A portavoz nacional, Ana Pontón, cualifica de “politicamente inaceptable” que o presidente da Xunta considere que a prevista visita do rei fuxido a Sanxenxo é motivo de “prestixio” para Galiza e replícalle que o que sitúa Galiza son os galegos e as galegas “que non teñen contas B en Suíza”.
“É politicamente intolerable que o presidente da Xunta diga que a visita do rei fuxido constitúe un prestixio e que mesmo coloca Galiza no mapa. Quero dicirlle ó señor Rueda que quen coloca Galiza no mapa son os galegos e as galegas co seu traballo e coa súa honestidade, os galegos e as galegas que non teñen contas B en Suíza e que pagan relixiosamente os seus impostos. Dicir que un rei fuxido da prestixio á Galiza é unha ofensa á xente deste País e desacredita a que din demostrando que o señor Rueda non está á altura da súa responsabilidade”, argumentou Pontón.
A líder do Bloque considera, ademais, que a monarquía é unha institución “obsoleta” e impropia dunha democracia avanzada na que todos e todas deben ser iguais ante a lei, ao tempo que denuncia a “alianza” PP-PSOE para vetar calquera tipo de investigación da Casa Real, en particular do emérito, “a pesar de todos os escándalos dos últimos tempos”.
Por contra, recalca, utilizan toda a maquinaria estatal para “branquear” á monarquía, en particular a Fiscalía, empregándose a fondo “dando trato de favor ante feitos que son moi graves”. Mentres que calquera cidadán que incorra en irregularidades non ámbito fiscal tería un control implacable, “aquí estamos ante unha dobre vara de medir: para a cidadanía do común man de ferro, pero trato de favor co rei emérito nun intento descarado por branquear unha monarquía chea de sombras, desprestixiada e que fai auga por todas partes”, conclúe.