A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro na Coruña coa dirección da RAG, encabezada polo seu presidente, Víctor F. Freixanes, para avaliar a situación do galego tras o último e demoledor informe publicado polo IGE e trasladarlle as propostas do BNG para reverter a crítica posición na que se atopa a lingua logo de 15 anos de “políticas de acoso e derribo” por parte do PP.
Pontón debullou unhas propostas que considerou “básicas” para poder “construír un novo tempo” para o idioma, a comezar pola derrogación do “decreto da vergoña”, o denominado decreto do plurilingüismo, “que está facendo que os nenos e nenas que entran pola porta da escola falando en galego se vaian falando castelán”.
Neste sentido, a líder nacionalista puxo o foco sobre dous datos concretos do informe do IGE. O primeiro, que a maioría da xeración educada nese decreto da vergoña non fala galego, en concreto un 52% non o fala. O segundo, que só o 7% dos nenos e nenas de entre cinco e catorce anos falan galego a metade dos que o falaban en 2018.
“De seguir nesta progresión, en seis anos a lingua galega sería absolutamente residual entre as xeracións máis novas e isto é consecuencia dunha política lingüística que está facendo retroceder o noso idioma”, advertiu, para indicar a continuación que recoñecer esta situación “é clave para poder atinar nas políticas de cara ao futuro”. “O que vemos é que ese decreto da vergoña é un timo: non hai nin máis inglés, nin máis galego, o único que avanza é o monolingüísmo en castelán”, afondou.
Neste contexto, avogou por que o sistema educativo galego cumpra a función normalizadora que lle dá a normativa vixente, dado que é preciso que que o idioma poida desenvolverse con normalidade e que “todos os nenos e nenas teñan plena competencia lingüística” na lingua propia, tal e como recolle a lei de normalización lingüística e como, subliñou, “debe garantir un novo decreto”.
A segunda das propostas defendidas polo BNG consiste precisamente en aplicar o Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no seu día no Parlamento galego e que permitiría recuperar o consenso sobre o galego que, recordou “rompeu o PP en 2008”. “A nosa proposta é que aplica xa o plan pactando un cronograma e uns orzamentos”, sintetizou.
En terceiro lugar, Pontón defendeu a necesidade de triplicar os recursos destinados ás políticas de apoio á lingua, “o mínimo unha situación crítica”, tendo en conta ademais que “quince anos despois, estase investindo case a metade do que se investía en 2009, remarcou logo dunha reunión na que tamén participaron as responsables parlamentarias de Lingua e Cultura, Mercedes Queixas e Iria Taibo, e o portavoz municipal, Francisco Jorquera.
Por último, tamén considerou unha “cuestión básica” que os medios de comunicación públicos, que naceron precisamente pola existencia do galego, “cumpran a función que teñen que ter no ámbito infantil e xuvenil”, reforzando a súa programación nesta área para que o público máis novo teña unha alternativa real en lingua galega.
Ante a proposta inicial do Goberno do PP, a portavoz nacional advertiu que non se pode “estar quince meses analizando o que pasa porque a situación xa está analizada”. “O que se necesitan son medidas, no aquí e no concreto”, subliñou, para indicar que o BNG segue á espera de que a Xunta o convoque de novo como se comprometera a facer en 15 días dende a primeira reunión sobre o galego convocada pola Consellería de Cultura e Lingua. “Xa pasaron eses 15 días e non temos ningunha noticia”, confirmou.
“Cambiar de rumbo require cambiar as políticas e iso é o que lle pedimos ao Goberno do Partido Popular, sobre todo porque non podemos permitir que a lingua das nosa avoas, dos nosos pais e a lingua que queremos que sexa a lingua dos nosos fillos e fillas, esmoreza como está pasando neste momento”, incidiu para pedir ao PP que deixe atrás as súas políticas lingüicidas e contribúa a darlle un gran futuro ao idioma, algo que considerou posible.
“O galego é o patrimonio común de todas as persoas que vivimos neste País, falen a lingua que falen, e desde o BNG queremos protexelo, queremos coidalo, e queremos que sexa unha lingua exactamente cos mesmos dereitos que calquera outra lingua do mundo”, concluíu.