parlamento galego

Ana Pontón propón un sistema público forte para a dependencia fronte ao modelo do PP que carga ás familias e drena recursos á privada

Luís Bará e Ana Pontón
Luís Bará e Ana Pontón

Denuncia que o Goberno do PP ten a Galiza á cola en dependencia con menos axudas económicas por coidados familiares, axuda a domicilio, servizo de centro de día e de noite e atención residencial

Critica os anuncios electoralistas de Rueda: un bono aos coidadores familiares que non cobre a todos; unha paga mensual que nin chega á RISGA e un bono residencia para que as empresas privadas sigan facendo negocio coa vellez

“Este é o modelo do PP, que promete agora o que non foi capaz de facer en 14 anos, nos que non construíu nin unha soa residencia pública”, reproba

A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo a creación dun auténtico sistema público para a dependencia, reforzando os servizos e equipamentos públicos para crear unha rede pública forte que atenda ás persoas dependentes. “Temos unha débeda pendente, hai que configurar un auténtico sistema galego de benestar que poña a atención ás persoas no seu contorno como prioridade”, afirmou, para contrapoñer a continuación a proposta do BNG fronte ao modelo do PP, que aposta por drenar recursos públicos cara ao sector privado e cargar os coidados sobre as familias, particularmente sobre as mulleres.

Logo dunha reunión con diversos colectivos e asociacións para avaliar a situación da asistencia á dependencia en Galiza, Pontón denunciou que o Goberno do PP ten ao País á cola en dependencia, cos peores datos de atención en todo o Estado. Neste sentido, advertiu que Galiza ocupa o último lugar en solicitudes respecto á poboación potencialmente dependente, cun 17% fronte ao 32% da media estatal, pese a que temos a segunda poboación máis envellecida.

A líder do Bloque recordou que Galiza tamén ocupa o último lugar en resolucións de dependencia con respecto á poboación potencialmente dependente, o que significa que o Executivo do PP ten menos tramitacións, pero é o que máis tempo tarda en resolvelas porque “temos uns servizos infradotados”, recalcou.

De igual xeito, alertou de que o País está por debaixo da media na axuda de prestacións por coidados familiares, con 102 euros para as persoas cunha dependencia de grao I fronte aos 143 euros da media estatal; 163 euros para un dependente de grao II, cando a media do Estado son 244 euros; e con 206 euros para unha persoa con dependencia de grao III, mentres a media do Estado é de 342 euros.

“A día de hoxe unha persoa dependente en Galiza reciben menos axudas económicas que a media do Estado por coidados familiares, axuda a domicilio, servizo de centro de día e de noite e atención residencial”, afirmou para advertir a continuación sobre o déficit de servizos públicos, cunha taxa de cobertura de residencias moi por debaixo da recomendada por institucións como a Organización Mundial da Saúde e cun sistema “absolutamente privatizado” no que temos a peor taxa de residencias públicas. 

Encontro dependencia
Encontro dependencia

A portavoz do BNG criticou que “nesta precampaña electoral acelerada” o PP prometa “facer nestes próximos días o que non fixo en 14 anos”, tentando tapar os problemas e os déficits que deixa no ámbito da dependencia con anuncios electoralistas. Neste sentido, advertiu que o bono para coidadores familiares non é unha axuda para todas as persoas que estean coidando un familiar nas casas, senón exclusivamente para aquelas que teñan recoñecida algún tipo de dependencia, cando Galiza está á cola neste ámbito.

O PP descarga os coidados sobre as mulleres coa concepción de traballo en precario

Así mesmo, amosou a súa preocupación por que, unha vez máis, o PP volve cargar sobre as mulleres o coidado das persoas dependentes en lugar de apostar por unha rede pública que atenda estas necesidades, cunha concepción de traballo precario feminino, ofrecendo unha axuda de 416 euros ao mes, cantidade que non chega nin á contía da RISGA, por facer un traballo que esixe 24 horas ao día e cunha carga emocional e física intensiva.

Tamén se referiu ao bono residencia, co que o PP segue alimentando un modelo de residencias privatizado con máis recursos. “Ese é o modelo dun PP que en 14 anos non foi capaz de construír nin unha soa residencia pública; non creo que isto sexa incompetencia senón que claramente é unha decisión deliberada de converter a vellez nun negocio”.

Pontón defendeu o modelo alternativo do Bloque, asentado sobre dous piares fundamentais: en primeiro termo, a posta en marcha dun sistema de coidados de longa duración, tanto para os coidados informais como para os profesionais, co obxectivo de garantir a mellor calidade posible ás persoas no seu contorno e retrasando todo o posible a súa institucionalización; e en segundo, a prestación dunha atención sociosanitaria integrada e centrada nas persoas, que promova e garanta a coordinación dun amplo abano de servizos públicos dende a proximidade.

Sobre estes dous piares prioritarios, a proposta do Bloque desenvólvese sobre cinco grandes eixos de actuación: a promoción dun envellecemento saudable e reforzar a atención ás persoas maiores e/ou dependentes de maneira integral e personalizada; o despregamento dun amplo e flexible abano de recursos públicos ampliando recursos e reformulando servizos, entre os que destaca un novo modelo público de residencias que poña centro nas persoas; a mellora das condicións laborais das persoas coidadoras, tanto profesionais como informais; a planificación, avaliación e maior financiamento do sistema de coidados para garantir o seu sostemento; e a introdución da perspectiva de xénero no deseño de políticas públicas, dado que a maioría dos coidados fano en precario as mulleres. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG