Ana Pontón propón derrogar o decreto da vergoña, cumprir o Plan de Normalización Lingüística e triplicar orzamento para o galego

Critica a ausencia de Rueda na reunión sobre a situación do idioma demostrando a súa falta de compromiso para reverter o declive da lingua

“O plurilingüismo do PP non é máis que un timo: nin máis galego, nin máis inglés, o único que avanza é o monolingüísmo en castelán”, advirte

Avanza que o BNG vai estar en todas as mesas nas que sexa convocado sempre con ideas e propostas a favor da lingua que une axs galegos  

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu na reunión convocada pola Xunta sobre o galego as propostas  “concretas, razoables e de mínimos” do BNG para reverter a crítica situación na que se atopa a lingua e que pasan por tres cuestións fundamentais: derrogar o decreto da vergoña, triplicar os orzamentos destinados ao apoio ao idioma e cumprir o Plan Xeral de Normalización Lingüística.

Logo de avanzar que o Bloque enviará por escrito ao Goberno do PP as súas propostas, Pontón referiuse á primeira, a derrogación do decreto da vergoña, como “unha cuestión central” porque é o elemento que “está provocando a desgaleguización entre as novas xeracións”. “Se queremos facer algo real para cambiar a situación, hai que cambiar o decreto”, recalcou.

Nesta liña, indicou que o decreto da vergoña “foi un retroceso que está provocando unha desgaleguización da escola”, que “está facendo que os nenos e as nenas que entran falando galego se vaian falando castelán”, polo que o considerou un punto de partida básico á hora de tomar “medidas reais” que permitan reverter a situación, explicou logo da reunión co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, da que criticou a ausencia do titular do Executivo, Alfonso Rueda.

A portavoz nacional considerou que a ausencia de Rueda no encontro “delata a súa falta de compromiso” para reverter o declive da lingua, dado que un presidente que “tivera a máis mínima preocupación a respecto da situación do idioma, tendo datos tan demoledores como os do informe do IGE, sería o primeiro en querer liderar un proceso que revertera a situación tan preocupante que ten o noso idioma”, afondou.

Neste sentido, lamentou que, pese a non acudir á reunión, o titular do Executivo si deixara marcadas “liñas vermellas” como o mantemento dese decreto que “fai estragos” convertendo “o galego nunha lingua de segunda” en base a un suposto plurilingüismo que cualificou de “timo”.

“Non hai máis inglés nin máis galego, o único cara ao que se camiña é cara a un monolingüísmo en castelán”, sintetizou a líder nacionalista, quen tamén denunciou unha segunda liña vermella sinalada por Rueda, a de “estar quince meses mareando a perdiz cando existe realmente unha situación crítica do noso idioma”.

Unir á sociedade arredor da lingua

Por iso, avogou pola necesidade de tomar medidas reais inmediatas que permitan reverte unha situación tan grave como a que temos neste momento coa lingua e con este obxectivo, indicou, traballa o BNG, con propostas “claras a favor da lingua galega” e que permitan “unir aos galegos e ás galegas arredor desa lingua común”, fronte a un PP que usou a lingua para dividir a sociedade.  

Así, e xunto á derrogación do decreto da vergoña, Pontón defendeu a necesidade de retomar o consenso político cumprindo o Plan Xeral de Normalización Lingüística que cumpre 20 anos e que ten uns obxectivos que seguen plenamente vixentes. “O que non pode esperar quince meses e hai que facer xa é aplicar as medidas dese plan cun cronograma e con orzamentos suficientes”, afirmou.

Nesta liña, advertiu que evidentemente, “coa metade dos recursos que había en 2009 non se pode facer unha política de normalización da lingua”, polo que o BNG tamén pon enriba da mesa unha terceira proposta: triplicar xa en 2025 o orzamento destinado ao apoio do galego, fronte ao recortazo en materia lingüística que ten previsto o Executivo do PP no seu proxecto de orzamentos.   

Xiro de 180 graos nas políticas do PP

A portavoz nacional avanzou que o BNG vai acudir a todas as reunións ás que sexa convocado e “vai estar sempre na mesa con propostas e con ideas en favor da nosa lingua” e reclamou “certa unidade” nos balances da situación da lingua, en referencia á intervención de Rueda no Parlamento na que asegurou que o galego está no mellor momento da súa historia.

“Se está no mellor momento da súa historia, por que é necesario un pacto pola lingua? Creo que todas e todos sabemos a resposta”, reflexionou, apuntando deste xeito á “política de bullying contra o galego que levou adiante o Partido Popular durante quince anos”, cun presidente da Xunta mesmo “colocándose detrás da pancarta contra o galego cos sectores máis ultras” e votando en contra do galego no Parlamento.  

Por iso, considerou preciso “abrir unha nova etapa” cun “xiro de 180 graos” nas políticas que está desenvolvendo un PP ao que lle recordou que “os galegos e as galegas teñen demostrado que co galego, pódese ir a calquera parte do mundo”.

“Non necesitamos que ninguén nos diga que a nosa lingua non é útil”, recalcou, para insistir en que o BNG traballará sempre a favor do galego porque “e un tesouro que nos legaron os nosos avós, as nosas nais, e que queremos que siga sendo a lingua que falen as nosas fillas e as nosas netas”, concluíu.  

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG