Nun momento en que a expansión do virus está descontrolada, con datos incluso peores que na primeira onda, a portavoz nacional, Ana Pontón, insiste na urxencia dun confinamento de dúas semanas, ampliables, por ser a medida máis eficaz para cortar a dramática cadea de contaxios, co que iso implica de vítimas mortais, persoas infectadas, hospitalizadas e en UCIs.
“En só 25 días, 14.530 galegos e galegas se infectaron co virus; en só 25 días, 243 persoas faleceron por COVID neste país”, salientou, “que máis ten que pasar señor Feijóo? cantos contaxios máis ten que haber, cantas persoas máis en coidados intensivos, cantos falecementos máis para tomar medidas contundentes para salvar vidas?”, interpelou a líder do BNG ao presidente da Xunta.
“Estes son os datos que explican a nosa proposta, unha medida moi difícil que non propoñemos á lixeira. Explique por que non lle pide ao Goberno central un confinamento cando case triplicamos o nivel de risco extremo, explique por que na primeira onda estivemos tres meses pechados e hoxe non se pode confinar dúas semanas para salvar vidas cando os datos son similares ou mesmo peores?”, argumentou.
Pontón criticou a “covardía política” dun Feixóo que lle demanda á cidadanía o que el non se atreve a facer.
“Pídelle os galegos e as galegas que se auto-confinen, que fagan o que vostede non se atreve a facer reclamando un confinamento. Pero pese a súa covardía, Galiza vai derrotar o virus grazas ao comportamento exemplar da maior parte da cidadanía, grazas ao inmenso traballo do persoal sanitario e grazas a todas as persoas que se manteñen firmes na súa responsabilidade a favor do ben común”, indicou.
Para a portavoz do Bloque o xefe do Executivo segue a poñer a economía por riba da saúde, como fixo coa “nefasta” estratexia de “salvar o Nadal” que terminou cunha terceira onda convertida nun tsunami que avanza a un ritmo de 1.400 contaxios diarios e afonda na ruína de sectores enteiros.
“Ese é o resultado de poñer a economía por diante da saúde, de insistir nesa falsa dicotomía cando é evidente que sen control da pandemia non haberá recuperación económica Parece que a súa preocupación pola saúde dos galegos e galegas empeza despois de que cumpran co seu horario laboral”, lamentou.
Pontón reiterou toda a colaboración do BNG para sacar o país desta crise canto antes e puxo sobre a mesa propostas concretas, ao lado do confinamento.
A primeira, reorientar os orzamentos co obxectivo de reforzar de inmediato o sistema público de saúde en todos os eidos e para rescatar os sectores máis impactados pola crise. Neste sentido, volveu trasladar a disposición a contribuír desde os concellos e deputacións a nutrir un plan de rescate entre as tres administracións, aportando todas o mesmo esforzo orzamentario. “Xa o dixemos e volvo dicilo neste Parlamento”, incidiu.
Entre as propostas destacou tamén a de impulsar un novo modelo de residencias que garanta o dereito a unha vellez digna e, no ámbito económico, consensuar unha proposta de país para conseguir un trato xusto e a xestión directa dos fondos europeos de recuperación. “Non pode ser que peche ao eslavón máis débil como é a hostalaría e despois as axudas europeas acaben nas mans dos máis fortes que son as multinacionais”, alegou.
Plan de vacinación
Un aspecto que o BNG considera crucial é a vacinación da poboación e, por iso, foi moi crítica co feito de que a día de hoxe o Goberno de Feixóo non teñan presentado o plan de vacinación para o conxunto da poboación. Por contra, o único que hai é un baile de cifras que muda con cada declaración oficial sobre este asunto clave. Empezando polas do propio presidente da Xunta.
“Un día di que precisa un mes para vacinar a 40.000 persoas usuarias e traballadoras das residencias, ao seguinte di que teñen capacidade para vacinar a 200.000, ao outro 120.000 a agora a 100.000. Ten vostede a mesma credibilidade neste asunto como cando proclamaba que había 6.000 rastrexadores e non é serio nun tema que supón a gran esperanza para derrotar ao virus”, denunciou Pontón.
Unha esperanza que aínda tardará meses en ser unha realidade ante unhas multinacionais que actúan mirando o lucro e non á saúde. “Outra das ensinanzas que nos deixa a pandemia é que debemos apostar pola ciencia e pola investigación desde o ámbito publico, porque que o coñecemento que salva vidas debe ser patrimonio público e poñerse a disposición de toda a humanidade”, subliñou.
A líder nacionalista concluíu reiterando toda a disposición do BNG a colaborar, coa man tendida, para sacar o país adiante canto antes, “porque hoxe hai miles de galegos e galegas na angustia e temos a obriga de traballar para darlles un futuro”.