A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento na Coruña a unir todo o voto nacionalista e inconformista na papeleta do BNG o 9 de xuño para que Galiza teña unha voz firme e libre en Bruxelas e contribúa a construír outra Europa posible, social, dos pobos e que traballe pola paz.
Pontón arrancou a súa intervención citando a Patti Smith, “a xente ten o poder”, referíndose deste xeito ao poder que lle outorga o voto ás persoas, sexa cal sexa a súa procedencia e fixo tamén unha referencia ao poder que dá a unión e que se visualizou coa presenza do dirixente de Anova, Xosé Manuel Beiras, no acto electoral. “Grazas Xosé Manuel por estar aquí de novo, demostrando que este é o camiño: unirnos para defender Galiza, para seguir dándolle futuro e esperanza á xente do noso País”, agradeceu.
A portavoz nacional fixo un chamamento a que “ningún voto nacionalista, galeguista e inconformista quede na casa, que se unan na papeleta do BNG”, porque vai valer para “defender á xente que traballa no mar, á que produce alimentos, aos traballadores e traballadoras da industria e ás PEMES”. Por iso, alegou, “quero pedirlle a todos os galegos e galegas que confiaron en nós noutras eleccións, que volvan unir o seu voto na papeleta do BNG porque somos o voto da esperanza, o voto que dá a cara por Galiza e defende unha Europa mellor”, destacou.
O voto BNG é voto dos que defenden un modelo que coide o medio ambiente alternativo á contaminación de Altri, o das mulleres que non queren retroceder, o das persoas que non calamos ante o xenocidio de Palestina, enumerou nun mitin xunto á cabeza de lista, Ana Miranda, o propio Xosé Manuel Beiras, o portavoz municipal, Francisco Jorquera, e Keina Espiñeira, integrante da candidatura.
Incidiu no moito que Galiza se xoga moito nestes comicios e por iso criticou a PP e PSOE que en lugar de falar dos problemas reais da cidadanía traen as súas “batalliñas madrileñas”, unhas liortas coas que “prefiren despistar” para non explicar “por que en Europa defende unha PAC e unha política pesqueira que discrimina aos gandeiros e gandeiras do País e á frota galega” ou por que “levan anos boicoteando unha AP-9 galega e libre de peaxes”.
Por iso, apelou á cidadanía a responderlles o próximo domingo votando BNG, “a única candidatura que só se debe a Galiza” e cuxa única lealdade é “cos galegos e coas galegas”, a diferenza da do PP de Rueda, que “está na rúa Génova, co lobby eléctrico e coas súas empresas amigas”.
“Somos o equipo da casa fronte a un Partido Popular que mira cara a Madrid, cada vez máis centralista e máis ultra”, afirmou, para defender unha candidatura que, ademais de velar polos intereses do País en Bruxelas, contribuirá a construír “esa outra Europa posible”, a Europa social, antifascista e dos pobos, que axude a facer un “mundo máis decente, solidario e xusto” e deixe atrás o seu “vergoñento papel” ante o xenocidio do pobo palestino.
Tras empezar o mitin citando a Patti Smith, Pontón pechouno citando á coruñesa Luísa Villalta: “Sei que levamos un ano intenso, catro procesos electorais, pero só nos queda loitar contra o cansazo, porque dormir non é soñar”.
Pola súa parte, Miranda reivindicou a papeleta do Bloque como “a voz do pobo galego no Parlamento Europeo”, unha voz que tamén cualificou de “humana, solidaria e da paz” porque “Europa é mais que as institucións europeas e as políticas de guerra”, advertiu. “Europa somos nós, e para que a nós se nos teña en conta, temos que estar alí, no Parlamento Europeo”, recalcou.
Defendeu o traballo desenvolvido nos últimos anos e que logrou, entre outras cuestións, a rexeneración da Ría do Burgo, cuxas mariscadoras e mariscadores foron escoitados na Eurocámara grazas ao Bloque, ao igual que, por exemplo, as vítimas do accidente do Alvia.
“Pídolle a quen quere a este País, a quen quere que Galiza teña unha voz propia no Parlamento Europeo que confíe en nós”, dixo para comprometerse a seguir defendendo os sectores produtivos, os intereses dos e das galegas e as causas xustas da Humanidade, fronte “ás políticas de guerra da Unión Europea que recortan o gasto social”.
“Nós damos voz en Bruxelas ás persoas afectadas polos recortes do PP”, subliñou tamén Miranda, quen reafirmou o compromiso do BNG coa mocidade, os labregos, os mariñeiros e as mariscadoras, as persoas autónomas e ás familias que “sofren o prezo dos alugueres e das hipotecas”.
Neste sentido, tamén sinalou á papeleta nacionalista como garantía das persoas traballadoras e non dos lobbies enerxéticos. “Nós defendemos á xente que traballa, á que non chega a fin de mes e seguiremos reclamando que Europa deixe de fabricar pobres, tal e como xa lle dixen á presidenta do Banco Central Europeo”, rematou.