A portavoz nacional, Ana Pontón, pide que o presidente da Xunta aclare se vai poñer atrancos á aplicación en Galiza da Lei 3/2021 de Regulación da eutanasia que recolle o dereito das persoas a unha morte digna, aclaración que considera necesaria despois de que o PP decidira recorrer un texto lexislativo que hoxe entra en vigor e que regula a eutanasia activa, é dicir, a que precisa da intervención dunha terceira persoa.
“Hoxe entra en vigor esta lei que nos trae á memoria a persoas como Ramón Sampedro, un galego que loitou polo dereito a unha morte digna”, indicou a líder do BNG, “pero preocúpanos ver de novo a un PP que se opón ao avance de dereitos e liberdades, un PP de Feixóo que se opuxo á Lei do divorcio, á Lei do aborto, á Lei do matrimonio homosexual e agora tamén ao dereito a unha morte digna. Parece que o PP non asume os avances en dereitos e liberdades”.
“Onte dicía Feixóo que a lei non lle gusta, e tanto que non lle gusta que o PP decide recorrela, e por iso pregúntolle ao presidente da Xunta que aclare se vai frear o desenvolvemento desta lei en Galiza, se vai frear o dereito a unha morte digna ou se vai sentar as bases para que esta lei se desenvolva con normalidade no noso País”.
Estamos ante unha lei, salientou Pontón, que recoñece o dereito da persoas a unha morte digna “e é inhumano que unha vez máis o PP se queira opoñer a un avance”. Hai máis de vinte anos, Ramón Sampedro abría unha batalla “pola dignidade á que temos dereito até o último suspiro das nosas vidas e sería lamentable que Feixóo se poña do lado dos que queren restrinxir dereitos e liberdades”, concluíu en declaracións aos medios desde Vigo, onde mantivo un encontro con delegados sindicais e responsables de comités de empresas dos sector industrial desta cidade e comarca.
A Lei 3/2021 entra en vigor hoxe e o texto delega nos Gobernos autonómicos a creación da comisión de garantías e avaliación, un órgano colectivo que debe valorar as discrepancias ante calquera petición de aplicación da lei. A día de hoxe, o Executivo galego ten remitido ao Consello Consultivo o proxecto de decreto para a creación deste órgano, para a súa preceptiva valoración e emisión de ditame.