Ana Pontón pide duplicar a partida orzamentaria que inclúe a construción da residencia de maiores de Ourense

Encontro Discofis
Encontro Discofis

Pide ao Estado que pague a Galiza  os 186 millóns de euros que lle debe en materia de dependencia

Luís Seara afirma que “a parálise” do concello de Ourense repercute  gravemente nos servizos públicos de atención a persoas con discapacidade

 

Santiago de Compostela, 15 de novembro, 2018. Na súa visita ao Centro Integral de Servizos “AIXIÑA” de Ourense, onde mantivo un encontro con diferentes asociacións de persoas afectadas por  enfermidades neurodexenerativas, discapacidade física, esclerose múltiple, Lupus, enfermidades neuromusculares e renais, Crohn, Párkinson e ELA, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comprometeuse  a levar á Cámara galega as súas demandas entre as que destacou aumentar a partida orzamentaria que inclúe a  construción da residencia de maiores na cidade.

Acompañada da deputada, Noa Presas e o candidato do BNG á Alcaldía de Ourense, Luís Seara, Pontón denunciou que as entidades  levan máis dun ano sen poder cobrar as axudas do concello o que está  dificultar gravemente o labor de atención social das persoas con discapacidade e diversidade funcional. “As administracións deben responder porque resulta ilóxico que tras conceder as axudas, as entidades beneficiarias non poidan cobralas”.

O BNG PIDE AO  ESTADO QUE  PAGUE A GALIZA A DÉBEDA HISTÓRICA DE 186 MILLÓNS DE EUROS EN DEPENDENCIA

Sobre a autonomía persoal, dixo que resulta  “ grave”  que non se cumpra a lei de accesibilidade ao que sumou  contar cunha Lei de dependencia, que en moitos ámbitos só é “papel mollado”. En Galiza explicou, existe un 14% de persoas dependentes nun total de  17.000 das que 1.500, a pesar de ter recoñecido o dereito á dependencia, non reciben ningún tipo de axuda. Para resolver esta situación son necesarios máis recursos económicos polo que reclamou “os 186 M€ que o Estado debe a Galiza nesta materia”.

Neste sentido manifestou que “é grave que o Partido popular non reclamara esta débeda  pero é igual de gravoso que o Goberno central non amose ningunha disposición a pagarlle a Galiza esta débeda histórica”. Con 186 Millóns de euros, recalcou, poderíamos pagar a dependencia ás persoas que agora non reciben a axuda. 

Pontón non escatimou críticas  o déficit dos servizos público en Galiza e nomeadamente en Ourense, tanto na  provincia como na  cidade. Nos nove anos de Goberno Feixóo, afirmou, “non foi investido nin un só euro para incrementar os servizos de atención a persoas con discapacidade” e o  único que hai sobre a mesa é o anuncio para construír unha residencia de maiores.

Nos orzamentos do ano 2019, as partidas de 3 millóns de euros para residencias nas sete grandes cidades, son a xuízo da nacionalista, “ridículas” polo que anunciou que o BNG presentará emendas para incrementar os fondos de dependencia para Ourense e “duplicar a partida destinada á construción de residencias que inclúe a de Ourense”.

A portavoz do BNG apelou ao cumprimento da lei de dependencia e recriminou que tampouco se cumpra no  que se refire ao tempo para acceder a unha residencia pública, establecido  como máximo en  nove meses cando en realidade o tempo en ocasións supera os dous anos.

O PP debe abandonar “o pasotismo e propaganda” no que está instalado e cambiar as palabras por feitos, concluíu. 

LUÍS SEARA  APOSTA  POR HUMANIZAR A CIDADE DE OURENSE E FAVORECER A MOBILIADE

Para o candidato do BNG, á Alcaldía de Ourense, Luís Seara, “o problema de mobilidade non reside en peatonalizar máis rúas, hai que humanizar a cidade” para  facilitar o acceso ás  persoas con discapacidade e para isto, resulta necesario,   elaborar un plan municipal que identifique todas as necesidades para abordar a súa solución.

Por outra parte, o candidato tamén propuxo integrar de maneira real  aos nenos e nenas con discapacidade no ensino, implementar a lingua de signos na administración, reordenar os centros cívicos para  convertelos en centros integrados e que  os novos autobuses cumpran a ratio de mobilidade.

O candidato do BNG agradeceu as propostas das diferentes asociacións  e salientou que unha critica común referíase  as dificultades no  abono das axudas. Seara afirmou que  “non é un problema de modelo, é un problema de xestión” que pon en risco a supervivencia das  entidades aglutinadas en Discafis.

Seara asegurou que a actual corporación municipal demostrou non ter “capacidade” para resolver moitos dos problemas das persoas discapacitadas e mostrou o seu convencemento de que o BNG no concello levará adiante todas as propostas expostas hoxe na reunión.  “Estamos, dixo,  en contacto cos diferentes colectivos da cidade para recoller as súas demandas aos problemas que deixa o actual goberno”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG