Parlamento Galego

Ana Pontón pide ao Goberno un pacto galego contra a violencia machista, “dende Galiza e para Galiza”

ANAPONTON PLENO ORZAMENTOS
  • A portavoz parlamentaria do BNG  reclamou destinar o  1% dos orzamentos da Xunta para políticas contra a violencia machista, regular a figura de "feminicidio" e o estatuto de protección de vítimas, mellorar  os recursos xudiciais e crear un “Protocolo forense de valoración do risco”. Ademais, a Moción defendida hoxe polo BNG inclúe dez puntos para intensificar a prevención e atención  da  violencia machista en diferentes ámbitos

A portavoz do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón propuxo  hoxe no Parlamento galego, a través dunha moción, “un pacto contra a violencia machista” prioritario para o Goberno galego.

Ana Pontón explicou  que falar dun pacto galego contra a violencia de xénero non é referirnos a un rótulo ou “palabras baleiras para tapar conciencias e facer que se fai”. Para  nós o pacto contra a violencia de xénero debe ir acompañado de máis medios, recursos e novas iniciativas porque  estamos cansas de ver como cando son asasinadas as mulleres o único que encontramos son “frases grandilocuentes” mentres nas institucións públicas segue existindo  “unha resistencia a moverse, andar e asumir novas estratexias”.

 Pontón reiterou  que a violencia contra as mulleres é unha das violacións dos dereitos humanos máis estendida e consentida socialmente. Hoxe, engadiu,  sentímonos moi ofendidas “polas cadeiras baleiras do goberno neste debate para falar  de violencia machista  porque estamos a falar de asasinatos”. Dende o ano 2003 máis de 800 mulleres foron asasinadas no Estado español do que o  6,3%, 50 mulleres foron  asasinadas en  Galiza. Neste sentido, Pontón insistiu en  que os asasinatos “son a cara máis cruel pero non o único rostro que ten a violencia de xénero”. Cada ano, hai 5.000 mulleres que denuncian nos xulgados galegos pero esas denuncias “non chegan ao 20% das agresións reais  producidas no noso país”.

Non queremos esquecer, que detrás de cada denuncia, de cada golpe, hai unha muller que necesita do noso apoio e neste debate queremos darlles voz. A parlamentaria, despois de narrar diversos casos que  personalizou nos  nomes de María e  Antonia, agradeceu o apoio dos grupos socialista e En Marea á Moción do BNG  e recriminou que a portavoz popular, Paula Prado presentara unha emenda para retirar a  iniciativa nacionalista. O BNG no goberno bipartito,explicou a portavoz nacionalista, impulsou unha Lei contra a violencia de xénero que foi un paso adiante,  na pasada lexislatura tamén propiciamos debates para mellorar a “resposta dos poderes públicos” como a ampliación do    salario da liberdade durante todo o ano. Sempre tivemos a man tendida para chegar a acordos pero hoxe vostedes queren que asinemos “un cheque en branco”, e o BNG non o vai facer.

Non é de recibo, recalcou Pontón, que despois dun mes do rexistro desta moción, o Partido popular non presente ningunha alternativa e hoxe pida que  retiremos todos os puntos para dicirlle ao Senado que decida nunha comisión que competencias son galegas, “nós queremos un pacto en Galiza” e iso é unha cuestión de vontade política “non dunha decisión do Senado”.

Se o Partido popular está en contra das conclusión recollidas na Comisión de Igualdade, dixo a parlamentaria do BNG, presenten algunha alternativa e se queren presentar unha emenda de engadega estamos dispostas a chegar a un acordo pero “aprobando algún compromiso  concreto para Galiza”, non “un  pacto de silencio” que sirva ao goberno de xustificación para non facer nada. Na nosa moción hai propostas moi concretas, escollan vostedes, avancen pero non nos pida que agardemos a que o Senado e a  conferencia de presidentes acorde algo para loitar contra a violencia de xénero.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG