A portavoz nacional, Ana Pontón, apelou á biografía política de Francisco Jorquera para proclamar que é a persoa que A Coruña necesita para liderar o futuro goberno de María Pita tras a cita electoral municipal, un referente político de primeiro nivel que encarna un proxecto sólido e solvente para sacar a cidade da súa parálise e devolverlle o pulso económico, social e cultural que merece.
“Permitídeme que vai directa ao grao: A Coruña precisa un alcalde á altura desta cidade, é Francisco Jorquera é ese alcalde”, salientou Pontón nada máis iniciar a súa intervención no acto de presentación social do cabeza de lista e da número dous da candidatura, Avia Veira.
“E digo máis, se ser alcalde da Coruña consiste en defender os intereses das coruñesas e dos coruñeses desde todos os foros, -Congreso, Senado, Parlamento de Galiza, nas institucións e na rúa-, se consiste en presentar proxectos e propostas a favor desta cidade, se consiste en dar a cara pola veciñanza, Jorquera fai moito tempo que actúa como o que será a partir do 26 de maio de 2019: Un gran alcalde para a cidade da Coruña”, afondou.
Pontón amosou o seu convencemento de que a do BNG será “a candidatura revelación” porque a cidadanía “non vai resignarse a elixir entre a parálise desa nova política que tanto prometeu e tan pouco fixo, nin á volta da dereita dun PP que pensa que A Coruña está para que uns poucos fagan negocio a costa dos intereses da maioría social”.
“Ten solvencia e experiencia política, coñece e quere a esta cidade e ten o aval do traballo feito durante anos a favor dos e das coruñesas. Por iso, Jorquera será un alcalde capaz, que non se encolle e, ao mesmo tempo, con capacidade de diálogo para sacar adiante os proxectos que necesita esta cidade, con capacidade para integrar e sumar, para suscitar consensos e resolver problemas. Jorquera representa a solvencia dun proxecto político transformador que ten a cabeza e o corazón ben plantados neste país e nesta cidade”, recalcou.
O propio Jorquera subiliñou que “A Coruña necesita a solidez do BNG para ser un modelo a imitar”, no seu primeiro discurso como aspirante á Alcaldía diante de militantes e simpatizantes e de representantes de asociacións e colectivos sociais convidados ao acto.
Fronte as opcións que insisten en presentar os comicios como unha pugna pechada entre “retornar a un modelo especulativo ou seguir cun modelo insubstancial”, o candidato nacionalista ofrece o proxecto do Bloque e advertía que “non se constrúe gobernando por imitación”.
Tempo perdido
Jorquera reflexionou sobre o balance do actual Executivo local. “A dereita, por desgraza, conseguiu o que quería, que estes catros anos de teórico goberno da cidadanía quedasen en nada, fosen un tempo perdido”. E aproveitou para avanzar nas liñas do seu programa para construír “unha cidade modelo”, empezando por destacar que “o mellor xeito de defender o público e xestionar ben o público cun goberno con pulso, solvente e tenaz”.
Propón un proxecto participado por todas, asociacións de veciños, comerciantes, emprendedores, minorías, e colectivos culturais, sociais e deportivos “nun espazo público democratizado” e cun goberno que “saiba escoitar, dialogar e chegar a acordos”.
O candidato nacionalista convidou a imaxinar unha Coruña cun transporte público eficaz pensado para articular a área metropolitana e comunicar os barrios, os polígonos e a universidade coas localidades da contorna por tren e por mar. Unha Coruña co mar como “a nosa marca de calidade que impulse a economía azul”, cun porto sen barreiras e vivo, recuperado para os seus habitantes. “Unha cidade modelo na que a vivenda sexa un dereito e non un obxecto de especulación, con rúas vivas e seguras, unha cidade inclusiva e igualitaria”, insistiu o candidato.
Ideas claras, valentía e decisión
Pola súa banda, Avia Veira, número dous e actual portavoz municipal incidiu nas cuestións do urbanismo nas que o BNG mantivo unha posición firme. “Os terreos públicos non poden servir para especular, senón para solucionar os principais problemas da Coruña”. Por iso, continuará reclamando a modificación do PXOM para construír o Parque do Observatorio, a desafectación das veciñas de Elviña do Ofimático, “que seguen agardando polo prometido”, e apostando pola recuperación da vida dos barrios para modernizalos”.
Veira, cuxo traballo mereceu un eloxio unánime e expreso, concluíu denunciando que A Coruña “ten un goberno instalado no vitimismo, laiándose por gobernar” e, fronte a iso, “Jorquera ten as ideas claras para liderar esta cidade con valentía e decisión”.