Na comparecencia, trala reunión cos representantes da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, vicepresidenta e Antonio Leira, deputado de Economía e Persoal á que tamén asistiu o deputado do grupo parlamentar, Luís Bará, a portavoz nacionalista, Ana Pontón manifestou que o “informe histórico e xurídico” solicitado pola Deputación da Coruña a través da Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás, “abre unha vía para a súa devolución ao patrimonio público galego.”
Pontón cualificou de “serio e rigoroso” o informe porque abre “unha vía sólida” para poder avanzar no camiño de recuperar o Pazo de Meirás para todas as galegas e galegos e rematar cunha situación na que a familia Franco “rise de todos nós”.
A familia Franco, engadiu ademais de utilizar o Pazo de Meirás como lugar de veraneo, tenta “facer caixa” cun ben que conseguiu a través “dun espoliou e un roubo” durante o réxime do franquismo.
“Resulta imprescindible non perder máis tempo e dar pasos firmes para recuperar o pazo pero tamén o resto do espoliado pola familia Franco” e se conseguimos que nos devolvan Meirás, explicou Pontón, estamos abrindo unha vía para recuperar tamén todos os bens roubados e que sexan devoltos ao seu lexítimo propietario que é o pobo de Galiza.
O BNG pide o apoio do Parlamento para a proposta da Xunta Pro Devolución
Pontón denunciou a lentitude “deliberada” da Xunta para “favorecer que a familia Franco sega dando pasos para tentar facer caixa” e avanzou que na sesión plenaria, que comeza mañá na Cámara galega, o BNG defenderá unha proposición non de lei para que todas as forzas políticas apoien a proposta da Xunta Pro Devolución do Pazo no informe encargado pola Deputación da Coruña e reclamar que o Pazo de Meirás sexa patrimonio público e “transferido” á Xunta de Galiza.
Devolver o Pazo é única solución digna
Levamos máis de 80 anos dende que os Franco se apropiaron ilegalmente do Pazo de Meirás e xa é tempo de abondo para dar os pasos necesarios para a súa devolución. O “máis digno que pode facer o Parlamento é apoiar a vía que abre o estudo xurídico”.
A portavoz do BNG agradeceu o traballo realizado neste ámbito polas diferentes asociación así como á Comisión da Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e historiadores como Carlos Babío ou Manuel Pérez Lourenzo que deron grandes pasos para documentar o “espolio” de Meirás. Tanto as investigación como a presión social recalcou a nacionalista, fixeron posible que ningunha institución cuestione que o Pazo de Meirás debe ser de titularidade pública e do pobo de Galiza.
Pontón reiterou que se a Xunta abandona a súa actitude tibia e asume as conclusións do informe non debería haber ningún obstáculo para acadar un acordo unánime no Parlamento galego e impedir que a familia Franco sega gañando puntos para facer “caixa dun roubo”.
O contrato de compravenda é nulo de pleno dereito e unha simulación
Pola súa parte, a Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin explicou que trasladarán ao resto dos grupos con representación parlamentaria o informe que xa lles foi remitido previamente por correo electrónico. Neste sentido, confiou en que todas as forzas políticas apoien a “devolución de Meirás para o público”, a partir do informe histórico coordinado por Emilio Grandío e polo profesor do ámbito do dereito, Xabier Ferreira. Un informe, reiterou Sanmartin, que no seu conxunto e como liña central proba que “Franco utilizaba o Pazo como residencia de verán e como Xefe de Estado celebraba consellos de Ministros e actividade pública de Madrid trasladábase durante o verán ao Pazo de Meirás”. No ano 38, Franco recibiu o Pazo como doazón, “obrigada en moitos casos e con achegas institucionais de relevancia” e o posterior contrato de compravenda no ano 41 sería “nulo de pleno dereito”, foi dixo, a Vicepresidenta da Deputación da Coruña, “unha simulación de contrato”.
Goretti Sanmartín asegurou que unha vez solicitada a anulación do contrato poderá ser recuperado “de oficio” por parte de Patrimonio nacional este ben ao que sumou ás declaracións do Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza sobre a vía que pode posibilitar que o Pazo de Meirás sexa de dominio público, concluíu.