Ana Pontón: “Galiza ten fame de cambio, un cambio real que o BNG aspira a liderar”

Ana Pontón
Ana Pontón

O PP representa o pasado, subliñou, e Feixóo é o primeiro en abandonar o barco deixando unha Galiza peor da que encontrou, tras trece anos dun Goberno popular convertido no partido do “NON” á defensa do País

Desde as diferencias políticas, traslada o seu respecto institucional ó aínda presidente da Xunta e deséxalle o mellor no persoal

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o último cara a cara no Parlamento co aínda presidente a Xunta para destacar que Galiza ten “fame de cambio”, un cambio real que o BNG aspira a liderar,  ante un PP que xa representa o pasado e cun Feixóo que é “o primeiro en abandonar o barco”, deixando un País peor do que encontrou cando chegou á Presidencia fai trece anos.

Pontón, que interpelou ó xefe do Executivo pola crise de prezos, subliñou que “o cambio galego está en marcha porque Galiza ten fame de cambio, un cambio real que o BNG, con humildade pero con ambición, aspira a liderar para darlle un futuro mellor a xente deste País, porque Galiza merece algo mellor que un Goberno do PP que leva trece anos instalado no non, no non a todo o que supoña a defensa dos intereses dos galegos e das galegas. Son vostedes o partido do non”, sentenciou.

Como consecuencia, a herdanza que deixa Feixóo é unha Galiza máis pequena “con menos emprego, con menos industria, con menos sectores produtivos, con menos sanidade e servizos públicos, con menos xente moza, con menos igualdade. Son vostedes o partido do non e Galiza merece un goberno que lle diga si, si a unha mocidade con futuro, si a ciencia e a innovación, si á sanidade pública, si a unha vellez digna, si ós sectores produtivos, si a ciencia e a innovación, si á igualdade e ó feminismo, si a unha Galiza con futuro”, proclamou.

“O PP empeza a ser o pasado, aínda que non se dean conta señor Feixoo, é vostede é o primeiro e abandonar o barco”, declarou, convencida de que o futuro pasa polo BNG.

En realidade, recalcou Pontón, Galiza non leva tres meses cun presidente ausente, senón trece anos cun Goberno do PP supeditando ó centralismo e ós lobbies económicos. Por iso, argumentou, “veta unha baixada de impostos ás eléctricas que se están forrando mentres as familias, a clase traballadora e as empresas están afogadas pola factura da luz”, nun país onde os prezos están “descontrolados” por riba da media estatal pese a ter salarios e pensións máis baixos.

A única receita que ofrece Feixóo é a baixada de impostos que só beneficia a quen máis ten, mentres se debilita o público, como se cos impostos, -explicou-, non se sufragasen a sanidade, a educación, as infraestruturas ou os servizos sociais.

“Vostede baixoulle os impostos os que máis teñen si, pero tamén baixou o número de médicos e médicas, o número de profesores e profesoras, baixou o orzamento en atención primaria, baixou os recursos en ciencia en investigación, baixou servizos no medio rural e vai marchar sen construír nin unha soa residencia pública”,  denunciou.

Baixar impostos é debilitar o público

“Non hai que baixarlle impostos ós que máis que teñen señor Feijóo, como fai vostede en Galiza, hai que tomar medidas para evitar o empobrecemento da clase traballadora e hai que tomar medidas de apoio os sectores produtivos máis afectados pola crise de prezos”, alegou, uns prezos disparados. En doce meses, a calefacción, a luz, a auga subiron un 68,3%; o aceite un 32%; produtos básico na cesta da compra de calquera familia como ovos, leite, carne ou peixe subiron máis dun 10%. “Que salarios aguantan isto? Xa lle digo que os dos traballadores e traballadoras, non”, espetou.

A líder do Bloque lembrou que os galegos e as galegas pagan os carburantes máis caros, pese a aguantar os custes ambientais de ter unha refinería na Coruña, e pagan a luz a un prezo insoportable, pese a ser ricos en electricidade e aguantar os custes ambientais de ter os ríos cheos de encoros e os montes con 4.000 muíños.

“Pero o goberno do PP veta a tarifa eléctrica galega e veta calquera subida de impostos ás eléctricas para que axuden a sufragar parte da crise, porque se están forrando con esta subida de prezos”, criticou.

Consciente de que está era á ultima sesión de control de Feixóo como presidente da Xunta, Pontón quixo trasladarlle o seu respecto institucional pois, máis aló das evidentes discrepancias políticas, “teño un profundo respecto polo meu País e polas súas institucións”, ao tempo que lle desexaba “todo o mellor” no persoal aínda que, ironizou, “comprenderá que non faga extensivo ese desexo ó ámbito político”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG