A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou hoxe que “hai motivos para unha moción de censura ás políticas do Partido popular, a Rajoy e as políticas que nos impón a U.E pero eses mesmos motivos xa existían hai un ano cando o Partido socialista e Podemos antepuxeron os seus intereses partidistas fronte aos intereses da cidadanía e acabaron provocando un reforzamento da dereita no Estado español”.
A nacionalista recalcou que a diferenza de Cataluña, Euskadi ou Canarias, no debate da moción de censura, “Galiza está desaparecida e muda” mentres outras nacións se escoitarán con voz propia nun debate nos que se están a poñer enriba da mesa “os grandes problemas do Estado”. Esta situación, engadiu, xa a vivimos no debate dos Orzamentos e agora coa moción e censura merece unha reflexión porque sabemos que aquilo que non se nomea “non existe”e non existir nunca pode ser unha opción para os galegos e galegas.
Trala xunta de portavoces e na súa comparecencia ante os medios de comunicación, Pontón anunciou que á iniciativa do BNG será debatida, na vindeira sesión plenaria, a venda do Banco Pastor, da que dixo, foi produto “dunha cadea de decisións político financeiras” dentro dunha estratexia de “concentración e centralización” e unha “estafa” aos traballadores e traballadoras e pequenos inversores que mercaron participacións avaladas polo Banco Central e a Comisión Nacional do mercado de Valores. Feijóo, “o liquidador do sistema financeiro galego” debe dicir de que lado está, “se dos intereses da familia Botín ou fendendo o emprego e entidades de crédito vinculadas a noso país.” Neste sentido, censurou que Feijóo “fuxa do debate” e non compareza no Parlamento de Galiza polo que anunciou que a pregunta do BNG ao presidente estará centrada en esixirlle responsabilidades e un compromiso real cos traballadores e pequenos aforradores.
Ademais, Pontón adiantou que o BNG tamén levará a pleno unha petición para que a Xunta remita unha proposta, antes de final de mes, sobre a súa posición ante un novo modelo de financiamento para o seu debate no Parlamento galego porque está en xogo o finanzamento da nosa sanidade e servizos públicos.
Noutra orde de cousas, o BNG trasladará á Cámara galega o anunciou do Goberno central sobre o decreto polo que todos os galegos e galegas pagaremos a luz máis cara. Pontón criticou que Feijóo vete unha tarifa eléctrica galega para que poidamos beneficiarnos da produción de enerxía.
Pensións galegas, as segundas máis baixas do Estado español
Finalmente, a situación dos pensionistas en Galiza tamén será debatida á iniciativa do BNG. Temos, explicou a nacionalista, 750.000 persoas en Galiza que cobran as pensións pero son as segundas máis baixas do Estado e nas provincias de Lugo e Ourense non alcanzan os 700 euros. Neste aspecto, o BNG formulará unha proposta para defender o sistema público de pensión e a súa revalorización.
Atentado contra o patrimonio no concello de Moaña
A portavoz do BNG rematou a súa intervención aludindo ao rexistro da pregunta urxente ao goberno sobre o “atentado contra o patrimonio” da pasada fin de semana co incendio provocado no concello de Moaña no estaleiro de ribeira que acollía un proxecto para recuperar o estaleiro e desenvolver actividades culturais. O BNG pedirá a Xunta un compromiso para a recuperación do estaleiro e a posta en marcha do Museo, como reclaman “todos os veciños e veciñas”. Pontón cualificou de “atentado terrorista” o incendio intencionado do estaleiro moañés.