É unha comarca que ten sectores industriais estratéxicos, sinalou a líder nacionalista, pero son as decisión dos gobernos central e da Xunta “as que a condenan a ser un deserto industrial no que a única alternativa que se lle ofrece a cidadanía é a de emigrar, ese é a consecuencia de decisións políticas que non están apostando nin por unha transición enerxética xusta, nin por darlle carga ao naval, nin por fortalecer sectores industriais que aporten futuro á comarca”, explicou
Por iso, alegou, a folga xeral que hoxe vive Ferrolterra “é un golpe na mesa para reclamar futuro nesta comarca e nesta terra e, para iso, os gobernos deben empezar por dar respostas apostando pola diversificación industrial”. O que se necesita, recalca, son menos promesas e máis feitos, “porque de promesas que nunca chegan a nada están fartos e fartas nesta comarca que reclama compromiso para saír adiante”.
BNG defende para Ferrolterra política industrial, proxectos empresariais, transición enerxética xusta e recuperar a ría como sector produtivo básico. Precisa compromiso político que debe verse no BOE e no DOG. No relativo ao sector naval, urxe poñer en marcha un complexo integral de construción, toda vez que se conta con persoal cualificado, e modernizar as infraestruturas e levantar os vetos que seguen de facto sobre a construción naval civil.
En relación ao sector enerxético, a formación nacionalista pon sobre a mesa dúas propostas. Primeira, vincular a adxudicación da capacidade de evacuación, -os 1.400 MW que libera a factoría das Pontes-, a recuperar postos de traballo que desaparecen co peche da central, e vincular autorizacións de parques eólicos a proxectos industriais que xeren riqueza e emprego na comarca.
Tamén no caso das Pontes e baixo o paraugas da transición xusta, o BNG aposta por un Centro de I+D+i e de almacenamento de enerxía cun investimento de 100 M€ aproveitando os fondos europeos. A experiencia enerxética das Pontes fai que sexa a ubicación ideal, explicou.
E, finalmente, a ría como motor de riqueza e emprego a través do Proxecto de recuperación ambiental e produtivas das rías galegas, entre elas a de Ferrol, cun investimento de 1.096 millóns de euros con cargo aos fondos de europeos de recuperación, para que a ría volva ser unha das principais fontes de emprego da comarca, xerando valor engadido e toda unha industria arredor da actividade extractiva.