A portavoz nacional do BNG, e Ana Pontón, pide que compareza Núñez Feixóo no Parlamento galego e explique a situación “real” das residencias de maiores afectadas gravemente polo Covid-19.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, a nacionalista insistiu na urxencia de realizar “con axilidade test masivos en todas as residencias”, intervir as residencias, mentres dure a alarma sanitaria, informar ás familias e transparencia nos datos sobre contaxios e falecementos nas residencias.
Para a portavoz do BNG, os continuos contaxios detectados nas residencias galegas constatan que “a Xunta non se anticipou, nin preveu as consecuencias”. O propio vicepresidente, Alfonso Rueda, na súa comparecencia parlamentaria, recoñeceu que a “Xunta non tomou as medidas necesarias para minimizar o grave problema” e a día de hoxe hai 900 persoas contaxiadas e 65 falecidos, segundo a información oficial, isto quere dicir, explicou Pontón, que o 15% das persoas contaxiadas en Galiza foi en residencias e sabemos que estamos ante a punta do iceberg, pois en canto se fagan máis test, detectaranse máis casos.
O goberno galego maquilla as cifras de persoas falecidas nas residencias
“Lamentablemente o goberno chega tarde”. De terse anticipado -como lle propuxemos desde o BNG fai máis dunha semana- teríase evitado moitos contaxios, tanto de residentes como de traballadoras e traballadores. De ter intervido todas as residencias, dotalas de equipos de protección e protocolos claros desde o inicio desta crise a situación tería sido ben diferente, afirmou Pontón.
Ademais, a portavoz nacionalista amosou a súa preocupación ante “a ocultación” do Goberno galego sobre os datos reais e lembrou e o 1 de abril foi ditada unha medida para non especificar o número de falecidos que proceden de residencias de maiores, feito que a asociación de familiares ven de denunciar e cualificar de “operación de maquillaxe indigna para que non se saiban as vítimas reais en residencias”. Non son palabras miñas, recalcou Pontón, “son palabras da propia asociación de familiares que mostran a súa dor”.
Nós pedímoslle a Feijóo transparencia absoluta e que se poña á fronte deste problema, porque até o de agora, “as medidas que se tomaron foron erráticas, insuficientes e tardías”, reiterou a portavoz nacional do BNG.