Ana Pontón: “Feijóo debe pedir perdón polas reiteradas mentiras sobre a chegada do AVE a Galiza”

AnaPontonRP
  • Considera que a enésima data para o AVE é un novo intento do presidente da Xunta de “vendernos polbo como animal de compañía”.
  • O BNG seguirá reclamando un AVE de dobre vía e a modernización do ferrocarril en todo o país, tamén nas provincias do interior

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que o enésimo retraso na chegada do AVE a Galiza anunciado polo presidente da Xunta, -“tras o seu phothocall ministerial”-, obriga a que “Feijóo pida perdón” aos galegos e ás galegas “polas súas mentiras ao longo dos últimos anos, incluídas as promesas electorais nas que aseguraba que se ganaba o PP teríamos AVE no 2016, o que quedou reducido a unha gran mentira. O que trouxo e Madrid foi a foto da mentira ”.

O país non se merece este novo aprazamento, -dixo de visita institucional en Sarria-, e cualificou de “lamentable” que o papel da Xunta e do presidente sexa “aplaudir os incumprimentos en materia de ferrocarril e contarnos o novo conto de que o AVE chegará non no 2016, nin no 2018 senón no 2019”. “Podemos resumir esta situación en que Feijóo nos está vendendo polbo como animal de compañía aos galegos e galegas”, ironizou.

Pontón comprometeu que o BNG seguirá a defender a necesidade de modernizar o ferrocarril, sen que máis retrasos.

“Que non nos vendan un tren de segunda porque é mentira que en Galiza teñamos AVE, a día de hoxe o que hai é algúns tramos de alta velocidade, e o que pedimos desde o Bloque é un tren de dobre vía en todos os tramos, que non haxa máis atrasos, a modernización do ferrocarril en todo o interior do país e comunicación por alta velocidade con Porto e Lisboa, outra das reivindicacións que queda no caixón”.

En definitiva, indicou, “pídolle a Feijóo que reconsidere a súa estratexia de submisión a Madrid porque nos conduce á irrelevancia política e só nos trae atrasos e incumprimentos coa súa complicidade e participación, e pensamos que Galiza non merece nin máis mentiras, nin máis promesas que xa non nos creemos”. A este paso, ironizou, “imos ver antes á chegada a Marte que a chegada do AVE a Galiza”

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG