A subida de prezos está afectando especialmente á alimentación e por iso a portavoz nacional, Ana Pontón, estivo na praza de abastos de Santiago a que cada día acoden centos de persoas e ven como os prezos de produtos básicos na cesta da compra non deixan de subir.
E neste contexto, “no que as familias teñen que facer equilibrios para comprar o máis básico”, denunciou Pontón, “o goberno do PP está de brazos cruzados, insensible ao sufrimento da xente, porque como é posible que coa que está caendo as medidas adoptadas onte no Consello da Xunta sexa dar axudas para comprar bicicletas eléctricas ás que só poden ter acceso unha minoría e aprobar a concesión de medallas”, salientou Pontón.
“Esta insensibilidade só se xustifica porque o Goberno do PP está instalado no canto peor para a maioría dos galegos e galegas, mellor para os intereses electorais do PP en Madrid, por iso se pon de perfil, pasando de todo, porque o seu programa de goberno é canto peor, mellor, canto máis suba a factura da luz, o litro de gasolina ou a cesta da compra, mellor para o PP porque pensa que lle dará votos en Madrid e porque pensa que pode obter réditos electorais do sufrimento da xente”, alegou Pontón.
O goberno que preside Alfonso Rueda non só “está de perfil”, senón que adopta medidas que mesmo van na dirección contraria, como aprobar unha lei que sube o recibo da luz ou suprimir a tarxeta básica para a compra de alimentos e medicinas ás familias con menos recursos, “nunha Galiza que ten 600.000 persoas en risco de pobreza e cando estamos ante a maior crise de prezos en corenta anos”.
A líder don BNG destacou na súa visita á praza de abastos algunhas das subidas de produtos básicos: o pan, un 13%; verduras, un 15%; froita, un 17%, leite; un 20%, patacas un 24% máis caras no que vai de ano, ovos, un 31% ou o aceite un 32% máis caro, son exemplos dun descontrol de prezos que, un mes máis aumentan por riba da media nunha Galiza con salarios e pensións que están por debaixo.
Pontón explicou as medidas do BNG, “concretas e realistas”, para axudar a quen máis o precisa. Medidas urxentes como, subir o complemento autonómico das pensións non contributivas, as máis baixas de todas, mellorar a RISGA e facela compatible co IMV ou aumentar as axudas para gastos básicos de vivenda, disparado pola factura da luz. E por suposto, recuperar de inmediato a tarxeta básica.
Pero a formación nacionalista tamén propón axudas para os sectores produtivos, “porque o prezo do pan, do leite, da carne, do peixe, das froitas e verduras está polas nubes, pero non precisamente porque os nosos pescadores, os nosos produtores e produtoras de leite, de carne, de horta estean cobrando máis, ao contrario, están afogados e mesmo vendendo a perdas”, alega
Neste sentido, o BNG aposta por mobilizar 700 M€ en axudas directas á xente do mar e á xente do sector agrario, así como ás pequenas e medianas empresas e ás persoas autónomas ás que lles costa manter o seu negocio. É perfectamente viable tendo en conta que, por exemplo, o Goberno do PP deixou sen executar 1.000 millóns de euros nos orzamentos de 2021.
“Claro que se poden toma medidas que axuden a xente do común, claro que se poden tomar medidas para unha saída xusta desta crise, pero para iso non podemos ter un Goberno do PP de brazos cruzados, insensible e instalado no canto peor, mellor para os seus intereses electorais en Madrid. Non se pode querer sacar rédito do sufrimento da xente, esa é a peor dar políticas”, concluíu a líder nacionalista.