- Na conferencia Propostas para unha Galiza de futuro aposta por trasladar a familias e empresas o beneficio de ser produtores “a esgalla” de enerxía
- O BNG aspira a ser a casa común do nacionalismo que faga a avanzar Galiza cara unha soberanía plena
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o acto político organizado en Cambados baixo o título Propostas para unha Galiza de Futuro para explicar as prioridades políticas do BNG a medio prazo, tendo en conta tanto o contexto do país como os temas que centran o debate a nivel estatal.
Novo sistema de financiamento, avanzar cara a soberanía de Galiza esgotado o réxime xurdido do 78, aproveitamento dos recursos enerxéticos cunha tarifa eléctrica galega, aposta polos sectores produtivos que xeren riqueza e emprego, - como o pesqueiro, marisqueiro ou vitivinícola no caso da Comarca do Salnés-, foron algunhas das medidas expostas pola dirixente do Bloque.
Aberto o melón do futuro sistema de financiamento territorial, o BNG defende un concerto económico galego que, explicou Pontón, supón o control e a xestión de todos os recursos de Galiza, -vía impostos ou transferencias-, e facer contas co Estado ao final de cada exercicio aportando a facenda central a cantidade que corresponda.
Con este sistema Galiza disporía de 3.500M€ adicionais que permitirían acabar cos recortes en servizos públicos e sociais e permitiría ademais “unha autonomía real, única opción para avanzar”, e garantir “unha convivencia entre iguais nun Estado plurinacional”, explicou.
Coas cifras oficiais de 2014, -último exercicio fiscal liquidado-, Galiza aportou ao Estado 11.131 M€, mentres este transferiu 7.043M. Se tomamos como referencia os criterios de PIB e poboación que se lle aplican a Euskadi, -con concerto económico-, a achega galega ao Estado sería de 630M€, o que deixa un saldo de 3.458M. “Confiamos na capacidade de Galiza e non compramos a falsa idea de que vivimos da solidariedade do Estado”, salientou.
Outra cuestión clave para darlle un futuro ao país pasa por algo tan obvio, -dixo-, “como que Galiza se beneficie dos seus propios recursos naturais, algo que a día de hoxe non sucede e aí temos o caso da enerxía eléctrica”, indicou Pontón, “evidenciado con toda a crueza na pésima xestión de Fenosa ao longo destes días nos que ata medio millóns de galegos e galegas quedaron en luz, -varios miles durante cinco días-, nun país produtor excedentario de enerxía eléctrica e en pleno tarifazo”.
Neste sentido, o BNG propón dúas medidas para abaratar a factura da luz: tarifa eléctrica galega que permita á familias e empresas beneficiarse do feito de producir enerxía a esgalla, e baixar o IVE que se aplica á electricidade do 21 ao 4%, “posto que é un ben de primeira necesidade”, alegou Pontón. Medidas ás que se suma a aposta polas enerxías renovables e o autocosumo “que está sendo penalizados polo Goberno central”.
XVI Asemblea Nacional
Pontón tamén fixo referencia á importancia de fortalecer o proxecto nacionalista que representa o Bloque, que encara a XVI asemblea nacional coa aspiración de ser “a casa común” de todas as persoas que aposten por un proxecto de país desde a confianza nas posibilidades de Galiza, como nación e como pobo, para decidir o seu futuro.
Por iso, un dos obxectivos é evitar que Galiza perda peso político e institucional no conxunto do Estado, “un risco evidente coa estratexia de submisión de Feijóo a Madrid que nos leva á irrelevancia política”, advertiu Pontón. Por contra, na liña das outras nacións do Estado, o BNG aposta por avanzar cara unha Galiza cada vez máis soberana.