BNG considera decepciónante o resultado do segundo encontro entre o presidente da Xunta e o ministro de Fomento que, máis aló do mutuo intercambio de eloxios, deixa poucas concrecións, moitas interrogantes e mesmo abre a porta a novas discriminacións con Galiza por parte do Goberno do Estado coa complicidade do Executivo galego.
Entre os grandes asuntos pendentes, a aplicación das rebaixas das peaxes da AP-9, recollidas no acordo BNG-PSOE.
“A conclusión é que Galiza terá que seguir esperando cando menos até o mes de xullo para beneficiarse da rebaixa, é dicir, seis meses de atraso sobre o acordo negociado co BNG e grazas ao cal os galegos e as galegas pagarán menos por utilizar a AP-9. É evidente que frear a estafa das peaxes foi sempre prioritario e por iso incluímos esa cuestión a cambio do apoio de investidura, pero consideramos intolerable que se siga demorando a execución dese acordo e deses descontos”, destaca a portavoz nacional, Ana Pontón.
A líder do BNG tamén pon sobre a mesa unha cuestión tras a comparecencia do ministro de Fomento, José Luís Ábalos, explicando que o Goberno do Estado calcula que pagará a AUDASA 1.500 M€ en concepto de bonificación de peaxes até 2048, data final da concesión. “Se a cifra estimada a pagar polo Estado é de 1.500 millóns de euros en bonificación, habería que analizar o custe dun rescate dunha infraestrutura clave para Galiza”, indicou.
O Porto da Coruña foi outras das cuestións importantes do encontro e, neste caso, o balance do BNG é absolutamente crítico ao considerar que PP e PSOE, Goberno de Pedro Sánchez e Goberno de Núñez Feixóo, pactan de facto unha nova discriminación con Galiza ao dar por feito que terá que pagar a débeda de 300 M€ por unha obra estatal, a do porto exterior de Punta Langosteira.
“Estamos ante unha novo agravio porque lle negan A Coruña o que se lle deu a Valencia asumindo os 300 M€ da débeda do Porto de Valencia, mentres que en Galiza se fala de re-negociación da débeda obrigándonos a pagar unha obra do Estado con cargo aos terreos do porto interior que son patrimonio dos coruñeses e das coruñesas”, alegou.
Neste sentido, o Bloque insiste en dúas cuestións: que os terreos das dársenas de Calvo Sotelo, Batería e San Diego deben ser cedidos á cidade unha vez queden libres de usos portuarios e a licitación inmediata da conexión ferroviaria con Punta Langosteira, con independencia de cal sexan os fondos que se usen para o financiamento desta obra estimada en 140 M€.
“No encontro non se concretou a data de licitación é iso é inadmisible nunha infraestrutura que leva anos de atraso e sen a que o porto exterior non ten futuro”, recalcou.
En relación á chegada do AVE, o BNG confía e que se cumpra o comprometido e que antes de que finalice o ano se poda viaxar en alta velocidade desde Galiza, aínda que expresou o seu escepticismo sobre o anuncio de Feixóo que o enlace con Lugo estará listo en 2024. “Xa sabemos cal é a primeira data que se vai incumprir na chegada do AVE a Lugo: 2024”, ironizou.
Tamén se despachou con xeneralidades a modernización da rede ferroviaria do interior, a mellora da conectividade por tren Ferrol-A Coruña, a finalización da autovía Santiago-Lugo, que leva tres décadas en execución, ou os investimentos en materia de rehabilitación de vivenda nos cascos históricos. E o mesmo coas estacións intermodais de Ourense, Lugo e A Coruña que, tras recoñecer que non van a bo ritmo, despacharon o asunto apelando á votade de axilizar as obras.