- O futuro da lingua depende da xente moza, recalca na manifestación do Día das Letras Galegas
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a celebración do Día das Letras Galegas para facer un chamamento á xente moza a sumarse á “rebelión do galego”, unha lingua “na que se pode aspirar a todo”.
“Quero deixar unha mensaxe de optimismo no futuro porque hai miles de persoas en toda Galiza que se senten unidas ao noso idioma porque consideran que é un tesouro que debemos preservar, porque creen que o galego é tamén o que nos abre unha porta ao mundo, un valor que non imos deixar que se perda”, explicou Pontón desde a manifestación a favor da lingua convocada pola plataforma Queremos Galego.
Pontón instou á xente moza a falar galego “en todos os ámbitos, porque esa é a mellor garantía de futuro” e, precisamente, porque confía nesa mocidade, indicou a dirixente nacionalista, “son optimista porque confío no meu país e sei que hai miles de persoas que falan cada día o galego, e ese amor cara o noso idioma é o que me fai ser optimista no seu futuro”.
“O galego é unha lingua útil, moderna, unha lingua coa que podemos aspirar a todo e quero facer un chamamento para que sexa precisamente e mocidade a que lle responda con ousadía e con orgullo en galego e fagamos posible superar esas estatísticas que tanto nos preocupan e que fagamos posible que o galego sexa unha das linguas que ganan en presenza, en prestixio, en futuro”, apelou Pontón.