Ana Pontón: “O BNG defenderá para Galiza o status de nación pesqueira para sumar máis fondos e cota”

Celeiro
Celeiro

Coloca os portos de Celeiro e Burela como referentes de sustentabilidade e calidade con produtos de excelencia como a pescada e o bonito

Incrementar a cota de capturas e flexibilizar a aplicación da normativa dos descartes, prioridades dun BNG decisivo no Estado a partir do 28A

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a candidata por Lugo, Maite Ferreiro, mantiveron un encontro cos responsables do porto e da lonxa de Celeiro que, xunto con veciño porto de Burela, son un exemplo da capacidade do sector pesqueiro galego.

“Celeiro e Burela deixan claro que Galiza é unha potencia pesqueira con talento, empuxe e innovación, capaz de facer grandes cousas cando nos deixen”, salientou Pontón, e para que nós deixen, -alegou-, é preciso ser decisivo na política do Estado con voz propia da man dos deputados e deputadas do BNG tras o 28A.

“Van dar a cara polos intereses do sector á hora de negociar orzamentos, investimentos, cotas de pesca fronte a un PP e un PSOE que xa demostraron desde o Goberno como traizoan os intereses dun sector estratéxico para este país”. A líder nacionalista avanzou que, nun Congreso sen maiorías absolutas, o BNG vai defender para Galiza “o status de zona altamente dependente da pesca ante a UE, porque iso permitirá obter máis fondos e máis cota de pesca”.

Non foi o único compromiso. Os escanos do Bloque tamén servirán para que Galiza teña unha boa posición á hora de negociar o reparto de capturas na UE fronte a un Estado que non ve na pesca unha prioridade ante Bruxelas, “para o Estado é un sector menor, para o BNG é un sector estratéxico de país”, indicou. Ademais, defenderá que se flexibilice a aplicación da normativa comunitaria dos descartes.

“Hai que facer unha xestión sostible dos recursos, -o sector é o principal interesado-, pero iso non pode significar que se destrúan postos de traballo por normativas que se deciden a centos de quilómetros do noso país e sen ter en conta a nosa realidade”, salientou.

“O compromiso do BNG no Congreso é dar voz ao sector pesqueiro e dar solucións aos problemas que ameazan o seu desenvolvemento, apostando por unha frota que xere emprego de calidade porque o apoio aos sectores produtivos é básico”. Pola súa parte a candidata por Lugo, Maite Ferreiro, puxo en valor o proxecto “innovador” desenvolvido en Celeiro “que demostra o potencial do sector neste porto da Mariña que compaxina calidade e respecto ambiental”. “Pedimos que o Goberno central aposte por este tipo de iniciativas”, demandou, tras indicar que os dous grandes portos pesqueiros da Mariña xeran 5.500 empregos na comarca.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG