A portavoz nacional, Ana Pontón, deixou clara a posición do BNG en relación á Comisión de reactivación económica e social que hoxe botou a andar no Parlamento: ten que facer un traballo intenso, eficaz e rápido a favor do país, que aporte solucións nun momento de crise como non se daba en décadas.
“Así o reclaman os galegos e as galegas, os milleiros de persoas que non saben se van seguir co seu negocio, que non saben canto tempo estarán nun ERTE ou que perderon o seu emprego. Todos e todas elas non queren esperar un ano, senón que agardan que o Parlamento aporte respostas de inmediato, e por iso no BNG temos claro que hai que traballar para dar solucións con rapidez, rigorosidade e eficacia ante a crise”, indicou a líder nacionalista.
Entre as cuestións que o Bloque pide abordar na comisión, a avaliación dos proxectos anunciados pola Xunta con cargo ao fondo COVID europeo de reactivación, -Next Generation UE-, para determinar se son os que precisa o país.
“Preocúpanos que este fondo acabe beneficiando ás multinacionais, ás empresas do IBEX 35 ignorando a pequena e mediana empresa do país”, advertiu Pontón, “non podemos permitir que recursos previstos para a reactivación sen convertan nunha especie de fondo de amiguetes, que vaian parar aos de sempre mentres as PEMES, os autónomos e as autónomas non ven un euro deses recursos, cando son precisamente os o están a pasar mal”.
De feito, o BNG entende que unha das leccións da pandemia é precisamente “que hai que fortalecer a economía produtiva do país” e, para iso, o mecanismo Next Generation “non pode acabar sendo outra burbulla especulativa en lugar de servir para botarlle unha man e darlle osíxeno ás pequenas e medianas empresas e ao tecido produtivo. Esa debe ser a prioridade deste fondo”, alegou.
A outra cuestión que centrou a comparecencia da líder nacionalista foi a preocupante evolución da pandemia en Galiza, tras rexistrar un récord diario de contaxios, con cerca de 5.000 casos activos e cando son 818 o número de persoas falecidas. Pontón foi moi crítica con que, sete meses despois, o Goberno de Feixóo siga sen protocolos claros, se teña instalado na opacidade e siga sen reforzar a atención primaria, ao contrario, advirte que o PP está aproveitando a crise para avanzar nos recortes disfrazados de telemediciña pero que afonda no deterioro da atención sanitaria.
Neste contexto, a líder do BNG puxo sobre a mesa unha serie de propostas para ganar eficacia na loita contra o virus. Empezado por un Plan de rastrexo e detección precoz, co persoal necesario e suficiente dedicado en exclusiva á detección, identificación e seguimento, con equipas formadas e dotadas de protocolos claros para desenvolver este labor.
79% dos contaxios sen identificar
“Seguimos ignorando como e quen realiza os rastrexos, e Galiza está á cabeza do número de contaxios cuxa procedencia non se identifica. Segundo os datos do Instituto de Saúde Carlos III e a Rede de Vixilancia Epidemiolóxica, o 78,8% das persoas contaxiadas aquí non teñen un contacto coñecido, porcentaxe que é o máis alto do Estado”, denuncia.
Nesa liña de combate contra a pandemia, o Bloque aposta por reforzar a atención primaria cun investimento adicional e urxente de 200 M€, ao tempo que advirte contra a utilización da COVID para impoñer a telemediciña, é dicir, novos recortes. “Sería lamentable que se utilizase a pandemia para debilitar aínda máis o sistema público de saúde cando deber ser xusto o contrario, hai que fortalecelo”, indicou.
Igualmente, Pontón reclámalle a Feixóo que poña fina á opacidade e opte pola transparencia na transmisión dos datos porque tamén é unha cuestión clave para enfrontar o virus dispoñer das cifras de evolución da pandemia, como o número de casos novos diarios, tipo de test que se están realizando e a cantas persoas, datos por concellos ou o acumulado histórico. A portavoz nacional concluíu reclamando ao xefe do Executivo que non culpabilice a ningún colectivo, “porque non é máis que unha maneira de tentar agochar a súa ineficacia”.