A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro con representantes de familiares de persoas usuarias e traballadoras de residencias, e trasladou o compromiso do BNG de actuar politicamente “sen descanso” cara un modelo de coidados que garanta o dereito a unha vellez digna, o que implica entender a atención ás persoas maiores como servizo público.
“Os problemas xa existían, pero a pandemia demostrou que non se pode seguir con este modelo e, se despois de todo o que pasou, o resultado é que o cambio para o PP é puramente cosmético con medidas como o expediente electrónico sería unha fraude, sería inmoral e sería demoledor como sociedade”, salientou Ana Pontón.
Un dato clarificador explicado na comparecencia: en Galiza, das 790 persoas falecidas nunha residencia, cinco eran usuarias dun centro público. “O problema é a privatización, entender a vellez como negocio, ou se cambia iso ou o resto será propaganda pura e dura”, recalcou.
Pontón salientou que o BNG fará deste asunto unha “prioridade” da súa acción política e avanzou algunhas das medidas que trasladou no encontro con representantes de familiares, -agrupados na Asociación Vellez Digna-, e das Traballadoras de Residencias Galegas (TREGA).
Entre as propostas: xestión directa das sete residencias previstas nas cidades, -“como sinal de que queremos mudar o modelo e por iso pídolle a Feixóo que rectifique e vote a favor desta proposta no Parlamento”, demandou Pontón. Recuperar para a xestión pública todas as residencias privatizadas a medida que finalicen os contratos en vigor. Reforzar de inmediato o sistema de inspección e facer que funcione para que, cando menos, se cumpra a normativa vixente, “hoxe, incumprir sae case gratis”, subliñou Pontón.
Igualmente, mellora das condicións laborais das traballadoras das residencias para acabar coa precariedade e cos baixos salarios de profesionais que aportan tanto á sociedade, aumentar a ratio persoal-usuario e levar ao Parlamento unha Lei de residencias que substitúa a normativa actual de 1999, “totalmente obsoleta e superada pola realidade, aparte de que non se cumpre”, alegou a líder do Bloque.
Outro dos aspectos no que a portavoz nacionalista fixo fincapé foi na urxencia de acabar coa opacidade do sistema a favor da transparencia, tanto para ás familias como para o conxunto da sociedade. “Por exemplo, non sabemos cantos cartos públicos van parar ás empresas privadas xestionadas por fondos de investimento, que mesmo operan desde paraísos fiscais”, indicou a modo de exemplo.