A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, afirmou hoxe en Santiago que no BNG “estamos preparados e preparadas para liderar o goberno do cambio” ante a próxima convocatoria das eleccións galegas que definiu como “as eleccións máis importantes nestas últimas décadas”.
A preguntas dos medios de comunicación na manifestación nacional en Galiza con Palestina. Paremos o xenocidio, á que asistiu xunto a unha ampla representación do BNG, a líder nacionalista referiuse á “posición forte” que ten o Bloque neste momento e indicou que “o cambio pasa por unir no BNG a todas as persoas que queren que neste País se produza un cambio de goberno”.
Pontón explicou que a formación nacionalista está traballando “con toda a seriedade e con todo o rigor” dende a dobre convicción de que o cambio é posible e “de que seremos capaces de poñer en marcha a Galiza que queremos e soñamos” en canto se convoquen as eleccións.
Neste sentido, a candidata do Bloque á Presidencia da Xunta indicou que o PP “está baixando neste País”, tal e como reflicten as enquisas. “Hai un cansazo moi grande cun Goberno do PP que nos deixa unha Galiza peor que a que atopou e a cidadanía galega sabe que a alternativa pasa por que o BNG lidere ese cambio”, incidiu.
Nun momento “no que a maioría da sociedade quere cambio”, a líder nacionalista animou a “traducir sas ganas de cambio en apoio electoral” para o que o Bloque está traballando “con todo o rigor” ante unhas eleccións moi importantes porque, segundo concluíu, “estámonos xogando o futuro da nosa sanidade, da nosa educación, do noso territorio e tamén do modelo de desenvolvemento e do papel que Galiza quere xogar”.