A portavoz nacional, Ana Pontón, critica os “bandazos” do presidente da Xunta que evidencian a un Feixóo “desnortado” en temas clave para o país, neste caso “pregándose á estratexia centralista da educación” que marca o PP desde Madrid utilizando “a polémica estéril e artificial” da proba de selectividade.
“Detrás desta nova campaña non está nin a defensa da igualdade de oportunidades, nin a defensa dos intereses do alumnado, está a recentralización de competencias como principio ideolóxico tan caro á dereita española. Máis centralismo é sempre sinónimo de desigualdade e dun trato discriminatorio para Galiza”, argumentou Pontón tras a reunión da xunta de portavoces, anunciando que no próximo pleno utilizará a pregunta de control ao Goberno para que Feixóo explique os seus continuos cambios de criterio.
A líder nacionalista recriminou ao xefe do Executivo o seu “seguidismo” dun Pablo Casado “obsesionado” pola recentralización no seu afán de competir coa extrema dereita. “Demostra o seu nulo respecto polas competencias en materia educativa é retrata a un Feixóo que nin tan sequera defende o actual marco estatutario e que presenta o balanzo máis pobre en materia de autogoberno pois en dez anos non conseguiu ningunha nova competencia”, explicou.
Por contra, a proposta do PP en relación á proba de selectividade lonxe de avanzar no autogoberno vai na dirección contraria, “ao pretender que desapareza calquera tipo de contidos propios e adaptados á nosa realidade nacional, sexa cultural, lingüística, económica ou sociolóxica cunha proba de contidos centralizada desde Madrid”, indicou.
“O que propón o PP e subscribe Feixóo é unha recentralización encuberta do sistema educativo”, denunciou, tras lembrar a recente proposta de Casado de que a selección do persoal docente estivese centralizada á que se sumou o presidente galego, pese a que o seu xefe de filas consideraba prescindible o coñecemento da lingua oficial dos distintos territorios para acceder a unha praza no sistema educativo.
Pontón deixou claro que en Galiza o problema da desigualdade de acceso á universidade non está na selectividade “senón na situación económica das familias” e indicou que, postos a liderar algún debate neste asunto, debería centrarse en aumentar as bolsas e na supresión desta proba.
De cara ao próximo pleno, o BNG vai levar unha proposición en relación á seguridade viaria despois do incremento da sinistralidade de accidentes de tráfico que amosan os últimos datos estatísticos. A iniciativa parlamentaria inclúe a creación dunha mesa sectorial conformada por todas as institucións e todos os axentes sociais implicados para deseñar un novo modelo de seguridade viaria.
Multas contra puntos negros
Igualmente, reclamará as competencias nesta materia e que todo o que o Estado recada en multas e sancións de tráfico se invista en mellorar a rede de estradas de competencia estatal, precisamente a que concentra o maior número de puntos negros.
A situación das industrias electrointensivas, con Ferroatlántica e ALCOA como referentes, serán tamén motivo de iniciativas plenarias. Pontón trasladou todo o apoio e solidariedade do BNG ao cadro de persoal da factoría da Coruña que iniciou un peche na delegación do goberno para denunciar a falta de solucións do Executivo central.
Outro asunto que o Bloque levará ao pleno é a alarma social xerada polos verquidos de residuos nas Illas de Sálvora e Ons, da que responsabiliza ao Goberno da Xunta.