A candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, pediu aos galegos e ás galegas que escollan a papeleta do BNG o próximo 18F para iniciar un novo ciclo político que permita mellorar a vida da xente, dende o convencemento de que “o 18 de febreiro é o día que empezará a primavera en Galiza”.
Nun mitin celebrado en Pontevedra, no que tamén participou o cabeza de lista, Luís Bará, Pontón apelou a unha mobilización masiva que permita poñer en marcha “o mellor goberno de todos os tempos” concentrando o voto do cambio no BNG porque, segundo recalcou, a do Bloque é a “alternativa real” e este País precisa un goberno que achegue solucións para deixar atrás o “nefasto legado” que deixa o PP.
“Hoxe tivemos o primeiro debate electoral e Rueda non estaba, Rueda o ausente. E sabedes por que o candidato do PP non quere debater comigo?”, preguntou ironicamente na súa intervención para indicar a continuación que a súa ausencia explícase “porque deixa unha xestión nefasta e porque deixa unha Galiza peor da que encontrou. E tampouco ten un proxecto ilusionante que ofrecerlle os galegos e as galegas. A súa espantada é o recoñecemento do seu fracaso”, reprochou.
A candidata nacionalista afirmou tamén que Galiza merece unha presidenta “que lle diga a verdade, non un goberno que lle minta” xa que todos e todas “sabemos que o Partido Popular ten unha relación moi difícil coa verdade, incluído o seu candidato o señor Rueda”.
“Vímolo na crise dos pellets, como de novo, ante un desastre ambiental, o PP repetiu o mesmo nefasto protocolo da mentira, da manipulación, da incompetencia. Hai que derrotar nas urnas a mentira, a manipulación e a incompetencia como forma de facer política!”, apelou.
A candidata nacionalista incidiu en que estas son as eleccións máis abertas dos últimos tempos, uns comicios aos que o BNG concorre cun proxecto para “mellorar a vida das persoas” e cunha muller como candidata á Presidencia para “facer historia”, despois de máis de 40 anos nos que Galiza contou con seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais.
Neste sentido, presentouse como a candidata desa maioría social que quere cambio, “votase o que votase” noutras citas electorais, a candidata de toda a xente que quere abrir un tempo novo no País e que sabe que a maneira de conseguilo “é apostando polo BNG”.
A toda esa cidadanía comprometeu un goberno que rescate a sanidade pública para que a saúde non dependa da tarxeta bancaria, que coloque a enerxía ao servizo das familias, da clase traballadora e das empresas, que impulse os sectores produtivos e o emprego de calidade e que poña en marcha todo o potencial do País para que a xente moza non teña que facer as maletas.
En definitiva, un goberno capaz de pensar Galiza “en grande” e sen límites centralistas porque, afirmou, “a min só me van dar ordes os galegos e as galegas porque sei moi ben a quen me debo”.
Neste sentido, advertiu que estas eleccións “van de Galiza e da vida dos galegos e das galegas” e non de premios de consolación para uns ou reválidas para outros, en referencia ás forzas estatais que queren trasladar á campaña galega as súas “batalliñas madrileñas”.
Por iso, incidiu en que o BNG vai facer unha campaña centrada nas persoas, presentando as súas propostas e alternativas para mellorar as súas vidas xa que, afondou, ese é precisamente o eixo fundamental do proxecto de goberno nacionalista, “situar ás persoas no centro” das políticas que quere desenvolver.
Pontón afirmou “palpar” as ganas de cambio e de esperanza nunhas eleccións nas que os galegos e as galegas perciben que é o BNG quen o pode facer posible porque o próximo 18 de febreiro só hai dúas alternativas: ou o proxecto esgotado do candidato Rueda ou o proxecto de futuro dunha candidata coas mans libres para defender só os intereses dos galegos e das galegas.
Así pois, rematou a súa intervención apelando á concentración do voto no Bloque para poder mellorar a vida da xente e darlle a Galiza o mellor goberno da súa historia. “Xuntos, xuntas fagamos realidade o soño dunha Galiza mellor, témolo ao alcance da man porque o momento é agora”, concluíu.
Pola súa banda, o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, coincidiu con Pontón en que os vindeiros quince días son decisivos para escoller entre continuísmo ou cambio e abrir unha nova etapa “de rexeneración, de reactivación, de impulso, de ilusión, de esperanza” para poñer Galiza entre as nacións máis avanzadas, igualitarias e prósperas.
Dixo que isto vaise facer “ao xeito do BNG de Ana Pontón: colectivamente e con xustiza”, activando todo o potencial e todos os recursos do país: a enorme riqueza dos montes, do agro, do mar, da industria, da cultura e da lingua, así como das rías, “maltratadas e degradadas coa pasividade da Xunta do PP”.
Anunciou o nacionalista que o BNG impulsará desde o goberno galego o Proxecto Rías para a rexeneración ambiental e produtiva de todas as rías galegas e, en concreto, para a recuperación da ría de Pontevedra, “que queremos limpa, viva, libre da contaminación de ENCE e dunha contaminación moito peor, da contaminación das portas xiratorias e da incompetencia do Partido Popular”.
Lembrou tamén Bará que hoxe 2 de febreiro é o día dos humidais, “un dos ecosistemas máis maltratados polo goberno dos populares”, poñendo como exemplo a Xunqueira de Alba en Pontevedra. Subliñou que o goberno do BNG vai recuperar e rexenerar este enclave natural para trasladar as instalacións nas que que agora mesmo o goberno dirixido por Rueda “está de okupa”, e crear un gran zona verde urbana, continuando o proxecto xa iniciado desde a Deputación.
Puxo tamén outro exemplo próximo, as Brañas da Amil en Moraña, un espazo natural de interese prioritario que o PP non protexeu e no que aprobou un proxecto eólico que está a destruir unha parte moi importante do enclave. “Todo o noso apoio á veciñanza da Amil e de todas as zonas do rural que se enfrontan á invasión eólica depredadora patrocinada polo PP”, salientou.
Falou Bará tamén da xustiza de dar máis aos que máis necesitan e fixo fincapé en que un dos piares do benestar e da equidade son os servizos públicos. Defendeu que o goberno do BNG porá por diante de todo a defensa e o fortalecemento dos servizos públicos esenciais, da sanidade pública, do ensino público, dos coidados, da atención á infancia, á vellez, a dependencia.
“Esta vai ser con certeza a prioridade número un do goberno do BNG, xunto coa reactivación económica e a creación de emprego”, dixo, asegurando que a manifestación do domingo e as eleccións do día 18 son para defender unha sanidade de calidade, “na que se entre con esta tarxeta, coa tarxeta do SERGAS, e non con esta, a tarxeta de crédito”, dixo sacando unha da carteira.
Por último, o cabeza de cartel destacou que a a campaña vai ben, moi ben para o BNG, ao que sitúan por riba do 30% dos apoios e ao PP por debaixo do 40%, mais
salientou que “non hai nada feito”. Pediu por iso a todas as persoas asistentes ao mitin que “traballen” ata o 18F porque “hai moita xente aí fóra que vai decidir o voto na campaña, máis de 400.000 persoas que van decantar o resultado final” que teñen ao BNG como a única alternativa real para derrotar ao PP e gañar a presidencia da Xunta.
A tamén candidata Marta Gómez, pola súa banda, afirmou que o BNG está “a unha presiña de votos de gobernar o país” polo que pediu ás persoas presentes no Pazo da Cultura: “collede folgos, respirade fondo e o vindeiro 18 de febreiro votade BNG, facede que teñamos a primeira presidenta do goberno galego (...) para converter as ideas en feitos e facer os nosos soños realidade”, porque, dixo, “non hai nada que ilusione máis que cambiar, a mellor, a historia dun país”.