A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda considera moi positivo que o xuíz instrutor do accidente ferroviario de Angrois, Andrés Lago Louro requira da Axencia Ferroviaria Europea un informe para determinar a avaliación integral de riscos na liña Ourense-Santiago, onde se produciu o accidente de Angrois.
Miranda salienta que o BNG xa solicitou un informe de riscos integral á Axencia Ferroviaria europea para non circunscribir a avaliación exclusivamente á maquina e a liña porque, ao seu xuízo, “deberon contemplarse todos os riscos sobre todo ante a posta en marcha dun novo tren de alta velocidade”.
Por outra parte, a portavoz do BNG en Europa asegura que a petición do xuíz Lago Louro é “un primeiro paso no esclarecemento do accidente de Angrois” ao que debe seguir a solicitude de comparecencia da propia Axencia Ferroviaria europea. Estou segura, afirma Miranda, que a Axencia responderá de maneira satisfactoria a toda a información que dende Galiza lle sexa requirida no xuízo.
Miranda reitera que a avaliación de riscos “era obrigatoria” como establecía a propia Axencia Ferroviaria europea, sen embargo “nin o Estado nin ADIF estiveron dispostos a realizala ”.