A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, solicitou a suspensión do veto á pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico aprobada pola Comisión Europea o pasado 15 de setembro e que entrou onte en vigor. “É vergonzoso que tomara esta decisión de costas aos afectados”, sinalou ao tempo que puxo de relevo o grave impacto que ten sobre o sector pesqueiro galego, descoñecidas ao seu xuízo pola Comisión.
Na súa intervención, Miranda realizou a solicitude formal dos informes de impacto económico e os informes científicos da DG Mare e do ICES nos que se baseou a Comisión Europea para tomar esta decisión “inxusta e desproporcionada”, que supón un golpe máis ao sector, Do mesmo xeito, pediu os datos enviados polo goberno español á propia Comisión a respecto das frotas. “Pedimos ao Comisario que se desprace a Galiza para falar co sector”, engadiu.
“No BNG interésanos preservar os recursos, pero tamén os postos de traballo”, manifestou Ana Miranda, quen criticou que a Comisión non diferencie entre as distintas artes de pesca e vete todas as artes de fondo no seu conxunto. “Estamos diante dun golpe da burocracia e da ignorancia, e de marxinar á pesca por razóns comerciais”, criticou a eurodeputada nacionalista, quen salientou que nos portos máis afectados pola decisión da Comisión, Burela e Celeiro, a prohibición afecta ao 80% da pesca de palangre en Galiza.
“Pregúntome se a Comisión sabe que é un palangre?”, manifestou Miranda, ao tempo que amosou un palangre similar aos vetados nestes 87 caladoiros para explicar as contradicións da Comisión sobre as artes de pesca, que veta sen ter en conta as súas características concretas. “Esta claro que este e é un arte móbil, como se pode ver, e está incluído na prohibición,”, indicou.
Unanimidade en contra
A eurodeputada do Bloque sinalou, por outra banda, a unanimidade que existe en Galiza de todos os partidos e do sector pesqueiro en contra desta decisión e lembrou a manifestación que tivo lugar este pasado sábado en Ribeira. Desde o primeiro momento, o Bloque está desenvolvendo unha ofensiva en todas as institucións, tanto nos concellos afectados como no Parlamento Galego, no Congreso e na Eurocámara. Así, o día 19 de setembro unha delegación do BNG encabezada por Ana Pontón reuniuse con ARVI, o día 23 celebrouse un encontro en Ribeira co sector; e hoxe mesmo unha delegación do Bloque mantivo un encontro co sector en Compostela.