A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, considera imprescindible que as asociacións de mulleres do sector do mar teñan acceso directos aos fondos europeos marítimo pesqueiros. Na segunda sesión das xornadas de Mulleres Europeas do Mar, que se celebran até mañá en Bruxelas, Miranda salientou que este acceso directo é o mecanismo imprescindible para superar as desigualdades existentes no sector.
Segundo denunciou a portavoz do Bloque en Europa na súa intervención, as mulleres galegas do mar non están suficientemente representadas e incluso “en situación de desigualdade a respecto dos homes”, posto que existen diferencias no eido salarial, de recoñecemento das profesións e das enfermidades profesionais. Así, expresou o total apoio do BNG as reivindicacións expresadas polos diferentes colectivos que integran a delegación galega nas xornadas.
“Reivindicamos ao FEMP e aos grupos de acción costeira que se facilite o acceso ás asociacións de mulleres para poder tramitalos directamente e poder recibir os fondos”, manifestou Ana Miranda, criticando por outro lado que parte dos fondos FEMP non estean executados totalmente. Precisamente na mensaxe dirixida polo Comisario para o Medio Ambiente, os Océanos e a Pesca ás participantes nas xornadas, Virginijus Sinkevicius recoñeceu a invisibilidade e precariedade das mulleres na pesca e no marisqueo.
“O BNG vai traballar para que a igualdade tamén se cumpra no acceso aos fondos europeos do FEMP”, salientou Miranda, quen defendeu ademais que as mariscadoras e as redeiras sexan incluídas nas estatísticas referidas ás traballadoras do mar. Por outro lado lembrou o traballo das mulleres do mar galegas que durante os anos 70, 80 e 90 puxeron as bases das loitas de hoxe, representadas nas xornadas de Mulleres Europeas na Pesca que se están celebrando nas institucións europeas. “Teñen que vir á Bruxelas para reivindicar cousas que non se lles recoñecen no Estado ou en Galiza”, sinalou.
“Sen redes e sen redeiras non hai pesca”
Nas súas respectivas intervencións no seminario organizado no marco da Rede Europea de Mulleres da Pesca e Acuicultura, as integrantes da delegación galega abordaron desde diferentes perspectivas a problemática e os obxectivos das súas respectivas asociacións. Así, desde ANMUPESCA, a súa presidenta Rita Míguez destacou que o principal obxectivo da asociación consiste en visibilizar as profesionais do mar, así como incrementar o liderado das mulleres profesionais e promover a igualdade. Desde a Federación Galega de Redeiras, Verónica Veres puxo de manifesto os diferentes problemas cos que se atopan as redeiras, como a falta de recoñecemento das enfermidades profesionais e as grandes dificultades para estar nas mesas nas que se toman as decisións. “Sen redes e sen redeiras non hai pesca”, subliñou. Desde a Asociación de Redeiras Atalaia, da Guarda, pola súa banda, Marina Álvarez fixo fincapé no aspecto medio ambiental do traballo que desenvolven as redeiras.
Desde a Asociación de Mariscadoras de Carril (Amarcarril) e a a Asociación cultural de mulleres do mar de Cesantes (Amarturmar), as súas representantes Guadalupe Jueguen e Nuria Novelle fixeron referencia a importancia das actividades que se enmarcan no turismo marisqueiro. Salientaron que estas iniciativas contribúen a dar a coñecer e poñer en valor o traballo pesqueiro e mariñeiro que desenvolven as “mulleres bravas do mar”, tanto os procesos extractivos como de captura e de comercialización.
Por parte da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa, Susana Amézaga incidiu nos problemas de desigualdade e discriminación que existen no sector e as dificultades que que atopan as mulleres para chegar aos órganos de decisión dos asuntos pesqueiros. “É fundamental superar o machismo existente no sector”, afirmou.
A patroa maior da confraría de Vilanova, María José Vales, explicou as dificultades das mulleres para chegar aos órganos de decisión, e sinalou que proba disto é que en Galiza de 65 confrarías só hai 6 patroas, tendo que traballar o 200% para ter o mesmo recoñecemento que un home nun posto similar. Da súa experiencia profesional tamén falou a vicepatroa maior de Carril, Rita Vidal, quen tamén sinalou os problemas que se atopan as mulleres á hora de incorporarse ao seu posto de traballo tras unha operación grave como pode ser un cancro de mama. “Moitas decisións son tomada por homes sentados no seu despacho sen ter en conta a situación concreta das mulleres”, denunciou.