Ana Miranda presenta 90 emendas á PPC

A eurodeputada nacionalista reclama que esta nova regulación pesqueira da UE 2014-2020 recoñeza como frota artesanal os buques de 15 metros de eslora ou que realicen marés de até 36 horas e suprima o principio de estabilidade relativa no reparto de cotas, por ser "discriminatorio" entre estados.

O BNG, a través da eurodeputada Ana Miranda, presentou 90 emendas á proposta de Regulamento Marco da Reforma da Política Pesqueira (PPC), o denominado "Informe Rodust", que establecerá as regras de xogo para o sector pesqueiro para o período 2014-2020 e cuxo prazo de presentación na Comisión de Pesca da Eurocámara finalizou este mediodía.

Entre as emendas máis significativas presentadas polo BNG figura unha nova proposta de definición de frota artesanal que pasa a considerar como tal ás embarcacións que teñan ata 15 metros de eslora ou que realicen mareas que non excedan as 36 horas de duración, definición na que terían cabida a práctica totalidade das 4.380 embarcacións que integran a frota artesanal galega, a diferencia da proposta presentada pola Comisión Europea que unicamente incluía como frota artesanal os barcos cunha eslora inferior a 12 metros, o que deixaba fora a unha parte significativa do sector galego.

A proposta da Comisión Europea sobre frota artesanal deixa fóra a unha parte moi significativa do sector galego

O BNG completa o seu apoio á pesca artesanal na futura PPC, con emendas que solicitan un plan específico para este segmento da frota e a reserva dunha porcentaxe do futuro Fondo Marítimo Europeo e de Pesca (FEMP), cunha dotación inicial de 6.500 millóns de euros.

Principio de estabilidade

De cara á futura PPC, a formación nacionalista tamén demanda a supresión do "principio de estabilidade relativa", -que establece un reparto de dereitos de pesca por Estados desde 1983, antes do ingreso do Estado español na UE-. A emenda do BNG pide a eliminación deste principio porque "ten provocado unha discrepancia notable entre as cotas asignadas aos Estados membros e as necesidades e usos reais das súas frotas, sen garantir que os dereitos de pesca pertenzan as comunidades pesqueiras que lle corresponden".

Para o BNG, o principio de estabilidade relativa "non debe prevalecer sobre o establecido nos Tratados para evitar prexudicar a Estados membros que se ven discriminados pola aplicación desde principio".

Cotas Pesca Transferible

Outro dos aspectos emendados polo Bloque é o relativo ás cotas de pesca transferibles (CPT), cunha oposición clara a esta posibilidade. En calquera caso, se finalmente os Estados deciden adoptar un sistema de intercambio de CPT, debería ser "voluntario" e a frota artesanal debe "quedar explicitamente excluída", salienta Miranda, tendo como referencia a definición que defenden o BNG en contraposición á da Comisión Europea.

A día de hoxe descoñecemos a situación biolóxica real de máis do 60 por cento das pesquerías

Miranda tamén presentou emendas en relación ao rende mento máximo sostible (RMS) e aos descartes, en ambos casos con alternativas "máis flexibles" que as aportadas polo Departamento que dirixe a comisaria María Damanaki. No primeiro caso, indicando que a data de 2015 é "inviable" e propoñendo o horizonte de 2020 como a referencia temporal para establecer ese RMS por pesquería.

Neste sentido, a eurodeputada, tamén presentou emendas que promoven a obtención de datos científicos, pois a día de hoxe "descoñecemos a situación real de máis do 60% das pesquerías, en termos da súa situación de preservación biolóxica". En relación aos descartes, o BNG solicita unha aplicación flexible na que se teña en conta a especificidade das pesquerías multiespecies.

Calendario

Unha vez finalizado o prazo de emendas ao Regulamento Marco da Reforma da PPC, - informe Rodust-, este continúa o seu debate na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo. A previsión é votar este documento, coas emendas que se incorporen, a mediados do mes de outubro, de ahí pasaría ao seu debate e aprobación no Plenario da Eurocámara, onde a previsión é que se vote a finais do mes de novembro.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG