Ana Miranda pregunta Donald Tusk polas reunións secretas co FMI para afondar no recorte das pensións

Ana Miranda
Ana Miranda

Destaca que o esforzo medio da UE para manter o sistema é maior que no Estado español, polo que reclama compromiso para garantir a súa sostenibilidade 

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, na sesión  plenaria do Parlamento Europeo de hoxe, dirixiuse ao presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, para preguntarlle se pode confirmar a existencia de reunións secretas do fondo Monetario Internacional co propio  Consello para que España afonde no recorte das pensións.

“Quero expresar a preocupación da cidadanía galega pola situación dos recortes financeiros”, manifestou Miranda na súa intervención, referíndose aos movementos que se producen arredor das pensións, pero tamén aos condicionantes dos fondos europeos, que tanta repercusión poden ter para Galiza. A eurodeputada lamenta non ter obtido no día de hoxe resposta a súa pregunta dada a gravidade da situación dos pensionistas, cuxas continuas mobilizacións “son un exemplo de dignidade e de loita polos dereitos”.

Esta preocupación polas pensións vén dada polo feito de que en Galiza son as segundas máis baixas de todo o Estado, o cal, segundo a eurodeputada nacionalista “implica que temos aos nosos maiores vivindo ao borde da pobreza”. De feito, no Estado Español o gasto en pensións con respecto ao PIB é do 10,7%, mentres que a media da UE ascende aos 12,2%, case dous puntos máis que a do Estado. 

Estas cifras indican que o esforzo medio na Unión Europea para manter o sistema de pensións é maior que o do Estado Español, “polo que o Estado ten marxe de manobra para incrementar o seu esforzo no mantemento do sistema e garantir a súa sostenibilidade”. Ademais, cómpre ter en conta que as pensións no Estado son relativamente reducidas, xa que a pensión contributiva media sitúase aproximadamente no 70% da pensión media da UE-15.

Medidas urxentes

“Se queremos garantir a calidade de vida dos nosos maiores temos que garantir pensións dignas e isto ten que pasar pola aplicación de políticas de emprego e de salarios dignos que garantan os ingresos á seguridade social”, subliña Ana Miranda, quen lembra que o futuro das pensións depende do número de cotizantes e da calidade dos seus salarios.

Ademais, entre as medidas polas que aposta o BNG destaca a relacionada co cálculo do cómputo das pensións: debería terse en conta os quince mellores anos da carreira profesional do traballador ou traballadora. Deste xeito elimínase a discrecionalidade que supón actualmente coller so os últimos anos da vida laboral, e ao tempo evítase seleccionar toda a vida laboral, na que habitualmente prodúcese a existencia de baixos salarios nos primeiros anos de incorporación ao mundo laboral.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG