“É unha vergonza que hoxe, seis anos despois, esteamos aínda sen unha adaptación da lexislación e sen unha sentencia tendo un procedemento de infracción aberto”, salientou Ana Miranda tras agradecer o apoio dado ao Bloque nas pasadas eleccións europeas, especialmente nun tema tan importante como o grave accidente de Angrois. Nesta liña lembrou que na pasada campaña ás eleccións europeas manifestou que quería voltar ser eurodeputada “para darlle verdade e xustiza ás vítimas e sobre todo para chegar até o final” e loitar para que non se volva repetir un sinistro desta gravidade.
Despois da denuncia presentada polo BNG en 2017, a Comisión Europea iniciou en xaneiro deste ano un procedemento de infracción, ao considerar que os procedementos de seguridade ferroviaria no Estado español non cumpren a normativa europea. Neste proceso, a Comisión pídelle ao Estado Membro que implante un plan de cumprimento do control de riscos, para o que o Estado solicitou tres meses de prórroga, aceptada pola Comisión.
Na reunión que Miranda mantivo hai quince días co gabinete da Comisaria Violeta Bulc, recibiu a información de que o Estado español xa enviou un plan, que o están traducindo para todos os organismos da Dirección Xeral de Transporte, “pero que non chega porque ten que contemplar, necesariamente, un decreto ou unha lei” e un orzamento, prazo que remata en xaneiro de 2020. Ao respecto, a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG sinala que ese plan é insuficiente porque para darse un decreto o goberno ten que aprobalo en Consello de Ministros e para facer unha lei ten que tramitarse no Parlamento, “que tal e como están as cousas agora, cun goberno en funcións é imposible”.
Próximas iniciativas do BNG
Ademais de instar ao novo goberno a promover un decreto ou unha lei para que Bruxelas non vaia ao Tribunal de Xustiza, Miranda avanzou que en setembro terá unha nova reunión coa Comisaria de Transportes, Violeta Bulc, no obxectivo de realizar un seguimento exhaustivo dos pasos dados até ese momento. “Se en setembro non hai ningún movemento por parte do Estado o BNG instará a que se vaia ao Tribunal de Xustiza”, salientou, ao tempo que destacou que existe a oportunidade de cumprir e evitar que se volva producir un novo accidente o de Angrois, que tivo lugar o 24 de xullo de 2012 aquí ao lado. “E como en Madrid parece que non se lembrar das cousas que suceden aquí ao lado, para iso estamos nós”, engadiu.
Por outro lado, Ana Miranda fixo referencia ao acceso aos documentos públicos que motivaron a apertura do procedemento de infracción, solicitado tanto por Miranda como pola Asociación de Vítimas do Alvia e negado pola Comisión alegando que en procedementos de investigación, por cuestións de confidencialidade non é posible. Ao respecto, sinalou que mantivo unha xuntanza coa Defensora Europea do Pobo, a irlandesa Emily O´Reilly, o pasado 2 de xullo, “cunha gran receptividade”.
“Recorrín a negativa polo que agora estamos nun momento no que a Comisión ten que dar resposta de novo a se é posible acceder aos documentos”, sinalou Miranda, quen adiantou que se recibe unha nova resposta negativa dirixirase ao Tribunal de Xustiza a pedir o informe da Axencia Ferroviaria Europea que motiva o procedemento de infracción “e que off de récord xa sabemos que ten probas evidentes de que aquí non se fixo control de riscos”.
“Pola memoria das vítimas, pola sociedade galega, española e europea hai que ter unha resposta sobre este accidente, que é o máis grave da historia europea dos últimos 25 anos e sobre todo para que a política serva para chegar até o final e esixir que se nos dean respostas”, rematou Miranda a súa comparecencia.