A coordinadora de Relacións Internacionais da Executiva do BNG, Ana Miranda, trasladou ao novo presidente de Chile, Gabriel Boric, os parabéns en representación do BNG pola súa asunción presidencial e o nomeamento dun goberno paritario e que xerou moitas expectativas no pobo chileno. “Chile é un exemplo de que é posible derrotar á dereita”, afirmou Miranda dende Santiago de Chile.
“Para a esquerda e para toda América Latina é moi importante o que aconteza en Chile a respecto da defensa dos dereitos das mulleres, da plurinacionalidade e o plurilingüismo, así como dunha axenda social transformadora que remate co neoliberalismo salvaxe mantido por Piñera”, salientou a coordinadora de Relacións Internacionais do Bloque, quen anima ao novo presidente a “non dar un paso atrás” nesa loita.
Precisamente as circunstancias da vitoria electoral foron tratadas no encontro que Ana Miranda mantivo con Camila Vallejo, exlíder estudantil e deputada do PC e actual ministra portavoz do goberno presidido por Gabriel Boric, que lle informou do proceso de acumulación de forzas políticas que sumaron esforzos despois do estalido social de 2019 e que deron lugar á vitoria. A nacionalista tamén mantivo unha xuntanza coa expresidenta da Convención Constitucional, Elisa Loncon na que falaron da importancia que o novo goberno de Chile apoie á Convención que creará unha nova Constitución que remate co texto pinochetista.
Axenda intensa
Tras a participación en Valparaíso nos actos de asunción presidencial e do discurso oficial que o presidente electo ofreceu dende o Palacio da Moeda, a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG mantén unha intensa axenda de reunións. Así, en Valparaíso mantivo un encontro coa directiva do Centro Galego.
Ademais, reunirase co secretario de Internacional de Wallmapuwen- Partido Autonomista Mapuche, Hector Cumilaf, e participará no encontro Feminista Internacional coas parlamentarias, ministras e referentes feministas de “Apruebo Dignidad” (integrado polos partidos Frente Amplio e Chile Digno), que terá lugar na Municipalidade de Santiago e no que tamén estará presente a súa nova alcaldesa, Iraci Hassler. política comunista da formación Chile Digno.