Ana Miranda embárcase na última ruta de Rumbo a Gaza e pide a Israel que permita a entrada da misión

Ana MirandaA Secretaria de Política Internacional e Vicepresidenta de ALE, Ana Miranda, embarcará mañá mércores 17 de xuño nun dos barcos da Flotilla da Liberdade con Rumbo a Gaza. Unha misión humanitaria e de paz “de elevado risco debido á posición intransixente, inflexíbel e intolerante de Israel”, segundo explicou en rolda de prensa esta mañá en Santiago a representante do BNG.

A portavoz do BNG en Bruxelas compareceu perante os medios de comunicación acompañada de Elvira Souto, representante en Galiza da campaña Boicot, Desinversión e Sancións a Israel.

Ana Miranda será a única cidadana galega que participará no último tramo desta misión humanitaria e de paz. É unha das catro activistas do estado español ao lado de mulleres como Teresa Forcades. Previamente, Miranda xa fixo o percorrido inicial de Bueu a Lisboa nun dos barcos da Flotilla, que por vez primeira partira da costa galega.

Chamamento a Israel para que respete os dereitos humanos e a misión humanitaria

Na súa comparecencia, Ana Miranda conminou a Israel “a non caer na belixerancia e na agresividade de anteriores campañas da Flotilla, que provocou incluso mortes e lle impediu levar a cabo a súa misión de axuda á castigada poboación palestina”. Demandou ás autoridades israelíes que “permitan a entrada dos barcos que compoñen a Flotilla a fin de poder desenvolver a misión de cooperación e colaboración coa poboación civil de Palestina da franxa de Gaza, que vive nunha situación de extrema fraxilidade, vapuleada por Israel e coas súas infraestruturas totalmente destruidas e sen contar nin co máis básico debido aos bombardeos israelíes”.

Pediu a Israel “respecto aos dereitos humanos e que abra a porta ao recoñecemento do estado palestino, algo que xa están a facer numerosos estados europeos e que figura en resolucións da ONU”.

A Flotilla de Liberdade emprende xa a súa última fase ao partir de augas mediterráneas. En próximos días os catro barcos que forman parte desta misión xuntaránse nun punto do Mediterráneo con Rumbo a Gaza.

A Secretaria de Política Internacional participará nesta misión humanitaria en representación do BNG e de ALE (Alianza Libre Europea), formación política europea da que é Vicepresidenta e que defende a autodeterminación política en Europa no Parlamento europeo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG